María José Gómez mantivo unha xuntanza co titular do MAPA previa á súa participación en Madrid na Conferencia Sectorial de Agricultura

A Xunta reitera ao Goberno as necesidades do sector agrogandeiro galego nun primeiro encontro bilateral da conselleira do Medio Rural co ministro

A conselleira trasladou as principais preocupacións dos agricultores e gandeiros galegos sobre asuntos como a necesidade de reducir a burocracia, adaptar a PAC á realidade da nosa comunidade e afondar na sanidade animal

Lembrou que Galicia é un referente polo magnífico status sanitario da súa cabana gandeira, que cómpre seguir reforzando en especial para loitar contra doenzas como a tuberculose, a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE)

Insistiu, na liña do sinalado polos seus colegas doutras comunidades, en demandar ao ministro Planas que escoite e teña en conta as autonomías nos seus plans para o campo español

Na Conferencia Sectorial abordouse a necesidade de que o Ministerio concrete canto antes o seu compromiso en materia de sanidade animal, con máis detalle na toma de decisións e máis fondos para as ccaa destinados a previr as enfermidades do gando

Madrid, 19 de abril de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, trasladou hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas, as principais necesidades e demandas de Galicia en relación co sector agrogandeiro. Foi nun encontro bilateral mantido na sede do Ministerio, en Madrid, previo á celebración da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios.

Neste sentido, a titular de Medio Rural insistiu, na liña do sinalado polos seus colegas doutras comunidades e en coherencia co que vén reclamando Galicia, en demandar ao ministro Planas que escoite e teña en conta as autonomías nos seus plans para o campo español en xeral e, de maneira particular, en todo o relacionado coa necesaria flexibilización e adaptación da PAC.

Así, Galicia sigue reclamando unha maior e mellor interlocución entre o Estado e as ccaa en asuntos chave para o agro, como a aplicación do Plan Estratéxico nacional da PAC, a sanidade animal, a remuda xeracional ou os seguros agrarios.

Na xuntanza de traballo co ministro, a conselleira reiterou que as preocupacións dos agricultores e gandeiros galegos teñen que ver, en primeiro lugar, coa necesidade de reducir a burocracia, “que está a causar graves prexuízos -sobre todo económicos- nas explotacións”, remarcou. Engadiu ademais que estas trabas veñen “impostas moitas veces dende o Ministerio ou dende Europa e por parte da Xunta de Galicia tentaremos reducilas na medida do posible”.

Adaptación da PAC ás necesidades do agro galego

Outra cuestión relevante para a conselleira son os ecorréximes e a PAC, “igualmente deseñada dende Bruxelas e dende Madrid e que non se adapta ás necesidades do agro galego, como se puido comprobar na campaña anterior”, reafirmou, e subliñou, neste sentido, que “é imprescindible facer as modificacións na súa aplicación canto antes”, para non seguir prexudicando o sector.

Como terceiro asunto, María José Gómez puxo enriba da mesa a sanidade animal. Así, lembrou que “Galicia é un referente neste eido, grazas ao esforzo que levan facendo os nosos gandeiros dende hai moitos anos, pero hai que seguir avanzando nesa protección da cabana gandeira”. Referiuse en concreto a “tres frontes” nos que convén reforzar o traballo.

En primeiro lugar, a erradicación da tuberculose, un esforzo no que a nosa comunidade “tamén é referente”, aseverou. En segundo termo, a lingua azul, unha doenza na que a Xunta actúa mediante a vacinación, na que neste ano vai investir máis de 5 millóns de euros e, en terceiro lugar, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que tamén preocupa no sector, especialmente agora, co incremento das temperaturas. En relación con esta doenza, a conselleira insistiu en demandar que se redobren os esforzos en materia de investigación e na procura dunha vacina, homologada en Europa, para atallar esta enfermidade.

Precisamente, na Conferencia Sectorial abordouse a necesidade de que o Ministerio concrete canto antes o seu compromiso en materia de sanidade animal, con máis detalle na toma de decisións e máis fondos para as comunidades autónomas, en especial no que atinxe á prevención das enfermidades do gando.

Outro asunto no que Galicia insiste é na necesidade de rebaixar o IVE da carne e do peixe, como medida para favorecer o seu consumo e axudar a mellorar a rendibilidade do sector primario da nosa comunidade.

A conselleira destacou, en todo caso, que esta reunión co ministro enmárcase no contexto de lealdade institucional que mantén a Xunta de Galicia, e nesta liña ofreceu “man tendida” para procurar solucións aos problemas do sector. Trasladou que a postura do Goberno autonómico resúmese nas claves de “traballo, lealdade e honestidade”, pero sempre dende a firme defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024