A Xunta salienta a importancia do programa Galicia Camiño Emprendedor para dar un pulo a negocios de hostalaría e aloxamento vencellados á ruta Xacobea

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, percorreu hoxe a segunda etapa da iniciativa autonómica de apoio aos autónomos, que discorreu entre Fisterra e Muxía

Explicou que a actuación, baseada no mentoring, ofrece asesoramento ás persoas emprendedoras á vez que se percorren os tramos do Camiño

Búscase axudar aos traballadores autónomos a consolidar os seus negocios ao tempo que se promociona Galicia e o Camiño como destino de ocio e actividade económica

Puxo en valor o compromiso do Goberno galego polos traballadores autónomos, que representan en Galicia o 20,07% das persoas afiliadas, sendo a comunidade a primeira con maior peso do colectivo

Fisterra (A Coruña), 19 de abril de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, percorreu hoxe a segunda etapa do programa autonómico Galicia Camiño Emprendedor (entre Muxía e Fisterra) co que se ofrece aos traballadores autónomos asesoramento, a través da fórmula do mentoring, para axudarlles a consolidar os seus negocios, mentres se realizan tramos do Camiño co obxectivo tamén de promocionar Galicia e a ruta Xacobea como destino de ocio e actividade económica.

Fernández salientou no tramo que desenvolveu, desde Lires ata Fisterra, que o Camiño serve para xerar alianzas profesionais, ao tempo que se lle dá un pulo aos negocios de hostalería e aloxamento vencellados a el, que destacan pola súa singularidade.

O programa da Xunta, que se leva a cabo en colaboración coa Axencia Galega de Turismo e a Fundación Ronsel, utiliza a metodoloxía mentoring, que se basea na relación de confianza entre o titor e a persoa acompañada. É unha fórmula pola que aposta a Administración autonómica para desenvolver o potencial das persoas participantes. A iniciativa garante o acompañamento permanente dun mentor e a creación dunha rede de contactos profesionais para mellorar a actividade profesional.

Co Galicia Camiño Emprendedor, ademais, promóvese a sustentabilidade nas empresas vinculando o desenvolvemento dos negocios aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

O secretario xeral destacou que o impulso ao emprendemento e ao traballo autónomo é a mellor aposta para xerar progreso e innovación, dinamizar o territorio e fixar poboación. Por iso, indicou que a Xunta está a poñer en marcha programas como Galicia Camiño Emprendedor para dar apoio aos autónomos, que representan en Galicia o 20,07% das persoas afiliadas, sendo a comunidade a primeira con maior peso do colectivo integrado por máis de 213.000 profesionais (datos de marzo).

En palabras de Fernández, as empresas e as persoas traballadoras autónomas contribúen a xerar máis e mellor emprego en Galicia, ao tempo que apuntou que o o emprego é a mellor política social que existe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024