A Xunta entrega enxertos de vide aos viveiros galegos para afondar na mellora xenética da vide

Leiro (Ourense), 20 de abril de 2024

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de facer entrega aos diferentes viveiros galegos de enxertos de vide de variedades como o Albariño, o Caíño Tinto ou o Espadeiro. O acto de entrega celebrouse na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), situada  no concello ourensán de Leiro, e forma parte da aposta levada a cabo polo Goberno autonómico para impulsar a transferencia dos resultados da investigación agraria na nosa comunidade; neste caso, na produción de material vexetal de vide.

A selección clonal, enmarcada no traballo que leva desenvolvendo a Evega dende hai máis dunha década, é unha técnica de mellora xenética que permite seleccionar, dentro da variabilidade existente nunha variedade de vide, aqueles ecotipos que presentan mellores características agronómicas e mellor potencial enolóxico. A utilización de material clonal permite que as producións sexan mais homoxéneas e que os viñedos cada vez teñan máis calidade e mellor sanidade. Esta entrega configúrase como un fito histórico que responde ás demandas do sector, xa que mediante un sistema de reprodución conservadora e de trazabilidade garántese que o material seleccionado chegue ao viticultor con identidade varietal e garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/04/2024