A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, clausurou esta tarde o V Congreso Inmobiliario de Galicia

A Xunta sinala como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual

Martínez Allegue tamén remarca o obxectivo da Xunta de impulsar o desenvolvemento de solo residencial para 20.000 inmobles protexidos

Lembra que o Executivo autonómico está concedendo axudas ao alugueiro e avais para a adquisición de vivendas

Indica que se procura mobilizar inmobles baleiros con garantías para os propietarios a través dun triplo seguro de impago, asistencia xurídica e danos na vivenda

A Coruña, 19 de abril de 2024

A Xunta sitúa como obxectivo central e prioritario da lexislatura chegar a poñer á disposición dos cidadáns 8.000 vivendas de promoción pública para duplicar o parque actual.

 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou hoxe na clausura do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias.

 

Martínez Allegue destacou que o fin prioritario do Goberno galego é traballar para facilitarlles aos cidadáns o acceso a unha vivenda de calidade, polo que tamén remarcou o obxectivo de impulsar o desenvolvemento de solo residencial para 20.000 inmobles protexidos.

 

Apuntou que a Xunta seguirá avanzando para que os galegos poidan acceder a un fogar cun amplo abano de medidas en diferentes ámbitos.

 

Neste sentido, salientou que o Executivo autonómico está concedendo axudas ao alugueiro e avais para a adquisición de vivendas.

 

Engadiu que se procura mobilizar inmobles baleiros con garantías para os propietarios a través dun triplo seguro de impago, asistencia xurídica e danos na vivenda.

 

Tamén fixo fincapé na importancia de dinamizar o mercado da vivenda desde unha perspectiva accesible e cun marco xurídico claro e estable.

 

A este respecto, indicou que antes de implantar medidas como a declaración de zonas tensionadas convén saber que, por exemplo, en Berlín este tipo de iniciativas reduciron a oferta de pisos en alugueiro, supuxeron o encarecemento da renda media e o fomento dunha sorte de mercado negro.

 

Apelou ao traballo conxunto dos actores privados e as administracións públicas para acadar un marco común eficaz e positivo para os cidadáns, blindando a vivenda como un dos piares básicos do estado de benestar.

 

Programa Responsabilízate

Ao longo dos debates que tiveron lugar no día de hoxe no marco deste V Congreso Inmobiliario de Galicia, a directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Elena Mancha, participou nunha mesa redonda sobre Responsabilidade Social Corporativa.

 

Na súa intervención referiuse á Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e presentou a cuarta edición do programa Responsabilízate, co que a Xunta busca asesorar duascentas pequenas e medianas empresas nesta materia.

 

A directora xeral salientou que o impulso da sustentabilidade social empresarial está regulado na nova Lei de igualdade que entrou en vigor ao remate da pasada lexislatura. Sinalou que ademais de contribuír á mellora do medio ambiente e á economía circular, as ferramentas de sustentabilidade social son cruciais para reter e capturar talento, apostando polo benestar laboral ao tempo que se incrementa a produtividade e a competitividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024