A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou o CRFS da provincia de Lugo

A Xunta completa a renovación das instalacións do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral cun investimento de preto de 550.000 €

Ángeles Vázquez explica que as actuacións rematan esta semana e permiten dar un paso máis na conservación e recuperación das especies de fauna silvestre ao tempo que se melloran as condicións de traballo dos seus profesionais

As obras supuxeron a construción dun novo edificio que conecta as dependencias dos animais e mellora as estancias nas que se atopan os servizos administrativos

As melloras contribuirán a optimizar o labor do centro, un dos catro existentes en Galicia e que o ano pasado recibiu algo máis de 600 exemplares entre distintas especies de aves, mamíferos e réptiles

Lugo, 23 de abril de 2024

A Xunta está a piques de completar a renovación das instalacións do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) do Veral, no concello de Lugo, para facelas máis funcionais cun investimento de preto de 550.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou o centro, onde explicou que os traballos rematarán esta mesma semana e que permitirán dar un paso máis no fomento da conservación e recuperación das especies de fauna silvestre ao tempo que se melloran as condicións de traballo dos seus profesionais. 

A responsable autonómica subliñou que as obras supuxeron a construción dun novo edificio que permite conectar todas as dependencias destinadas aos animais e, en paralelo, mellorar as estancias nas que se atopan os servizos administrativos.

Por iso, a estrutura do inmoble principal repártese en dous módulos, un administrativo no que se realizará a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria, e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención. A parte administrativa contará con dependencias como oficina-sala de recepción, consulta-sala de operacións, sala de persoal, vestiarios, sala de crías, unidade de coidados e almacén.

Mentres, o módulo de recuperación conta cunha cámara para mamíferos, catro cámaras de voo -tres xa preexistentes que se conservan parcialmente e unha nova-, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres destinadas a aves nocturnas, un almacén, unha sala de necropsias, un túnel de voo e piscinas de aves peláxicas. 

Precisamente, Ángeles Vázquez salientou novidades como o túnel de voo, con dous compartimentos para que as aves recuperadas poidan practicar antes de devolvelas ao medio natural, e a zona de especies acuáticas complementouse con dúas novas piscinas.

Todas estas melloras contribuirán a optimizar o labor do CRFS O Veral, centrado no coidado e restablecemento dos exemplares de fauna silvestre autóctona que non están en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural co obxectivo de devolvelos ao seu hábitat e, cando non é posible, integralos en programas de conservación ex situ -fóra do medio natural- ou de educación ambiental.  

Rede de centros

Este centro de recuperación de fauna é un dos catro existentes en Galicia -un por provincia- e recibiu o ano pasado algo máis de 600 exemplares de fauna silvestre entre aves, mamíferos e réptiles.

Ás instalacións de Lugo súmanse as de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros; as do Alto do Rodicio, no municipio ourensán de Maceda; e as de Carballedo, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Ao longo de 2023 os catro centros recibiron un total de 4.830 animais, a maioría deles aves, seguidas de mamíferos e réptiles.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024