O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na III Xornada Triple Hélice do Foro Empresa Pontevedra

A Xunta reivindícase como administración facilitadora do emprego con políticas de apoio, acompañamento e retorno para o traballo por conta propia e allea

José González comprometeuse á “escoita activa” e a reforzar a colaboración público-privada e convocará en datas próximas os foros do diálogo social, da economía social e do comercio para avanzar na resposta da Administración aos retos económicos 

Avogou pola axilidade administrativa e a desburocratización para facilitar a actividade empresarial na comunidade como un dos pasos para xerar emprego de calidade, inclusivo e un crecemento económico intelixente

O Goberno galego abordará nesta Lexislatura a innovación do sector do comercio e a súa dixitalización co deseño dun plan estratéxico co apoio dos seus axentes

A Estratexia Galicia Retorna quere atraer 30.000 galegos no exterior ata 2026 e aproveitar o seu talento para dar cobertura a postos vacantes na comunidade

Pontevedra, 24 de abril de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta mañá nunha nova xornada Triple Hélice do Foro Empresa Pontevedra, onde referendou os tres obxectivos que perseguirá á fronte deste departamento: acadar máis e mellor emprego, garantir a competitividade do tecido comercial e redobrar aposta polo retorno dos galegos no exterior dándolles facilidades para desenvolver unha actividade económica en Galicia. 

O Goberno galego quere ser unha Administración cada vez máis facilitadora, polo que na presente Lexislatura avanzará na simplificación, desburocratización e unificación do catálogo de axudas existentes para o emprendemento. A primeira mostra deste compromiso, afirmou González, é o recén estreado Mapa do Emprendemento, un espazo web (www.mapaemprendemento.gal) que aspira a integrar o ecosistema galego implicado no desenvolvemento de inciativas. O obxectivo último non é outro que o de xerar emprego de calidade e inclusivo que permita crecer a economía galega de xeito intelixente. 

González mostrou a súa firme aposta, neste camiño, pola colaboración público-privada e anunciou que en datas próximas abrirá un proceso de “escoita activa”  e convocará todos os foros nos que participa a Xunta no eido do diálogo social, a economía social e o comercio. Nestes mecanismos de diálogo, avanzou, abordará os retos da comunidade en relación co desemprego de longa duración ou coa transición da mocidade á vida laboral activa. 

Modernización do servizo de emprego

Tal e como apuntou o titular de Emprego, un dos principais retos económicos aos que se enfronta a comunidade ten que ver coa resposta que as Administracións teñen que dar ás máis de 12.000 vacantes existentes. A Xunta está a modernizar o Servizo Público de Emprego, mellorando as oficinas e dixitalizándoas para prestar unha mellor atención. 

González lembrou que xa está a funcionar nas 54 oficinas de emprego de Galicia o sistema EMI que aproveita a intelixencia artificial e a analítica avanzada para sincronizar a oferta de postos coa demanda das persoas usuarias destes servizos. Galicia está a abandeirar, dixo, unha renovación moi importante para conectar as necesidades das empresas coa demanda de emprego existente. 

Na mesma liña a Administración autonómica está a realizar un esforzo sen precedentes para ofrecer cualificación para o emprego adaptada ás necesidades do mercado, cun Plan Galego de Formación dotado con 117 millóns de euros este ano e mediante o deseño de accións cos principais clústeres. A comunidade reforzará, en colaboración con eles, as microformacións de tendencia en Europa, que garanten a reciclaxe dos traballadores: un mecanismo áxil que permite percibir as necesidades do tecido produtivo a través do proceso de escoita activa, indicou o conselleiro. 

Impulsar o traballo autónomo e o comercio

O representante da Xunta anunciou que a estructura da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforzarase na nova etapa coa creación dunha dirección xeral específica de emprego autónomo e economía social para aproveitar o potencial emprendedor da comunidade. Avanzará na simplificación do catálogo de axudas neste eido, duns 60 millóns de euros ao ano, e adaptarao ás necesidades dos autónomos. 

González destacou que a Rede de polos de emprendemento, unha inciativa que está a espertar o interese doutras comunidades, completarase este ano coa apertura doutros dous centros, ata chegar aos quince e se complementará mediante a creación dun centro de orientación ao emprendemento conectado cos servizos de emprego para mellorar a orientación laboral aos seus usuarios. 

Nesta nova Lexislatura, por outra banda, José González avanzou que se abordará a innovación no sector minorista e a súa dixitalización. Buscar a fidelización da clientela e axudar ao sector do comercio a ofrecer un produto diferenciado serán dous dos obxectivos neste eido. 

Retorno con emprego

González puxo en valor, por último, as posibilidades que ofrece o retorno de galegos no exterior para construír unha Galicia máis próspera que aproveite o talento e o arraigo deste colectivo. 

A comunidade, dixo, estalles a facilitar a volta a través da Estratexia Retorna coa que se pretende atraer ata 2026 un total de 30.000 persoas. Iniciativas como o programa Retorna Cualifica Emprego, están a poñer a dispor formación a medida para un retorno de calidade, vencellado ao desempeño dun traballo en Galicia e con facilidades para instalarse nos concellos da comunidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2024