A Xunta avanza no desenvolvemento de solucións innovadoras para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas de Galicia

A licitación foi promovida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a principios de 2024, despois dun proceso de Consulta Pública ao Mercado iniciado en 2021, e forma parte da estratexia de Aldeas Intelixentes financiada polo Goberno autonómico

O importe licitado é de algo máis de 1 millóns de euros e conta cun un prazo de execución de 18 meses

As aldeas modelo serán os lugares de experimentación destas propostas, orientadas a mellorar a calidade de vida dos núcleos rurais, axudando a frear o despoboamento, a dinamizar a súa economía e loitar fronte ao cambio climático e os incendios

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024 A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, está impulsar novas ferramentas e técnicas para  mellorar a optimización dos recursos agrarios e a xeración de actividades económicas no medio rural, así como a configuración de espazos que ofrecen calidade de vida e unha contorna favorable para emprender e residir no rural. Para levalo a cabo, estanse a utilizar os instrumentos configurados ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, que entrou en vigor en maio de 2021.

Esta iniciativa está enmarcada dentro das prioridades e responsabilidades da Axencia, centradas, neste caso, en artellar proxectos de desenvolvemento rural con carácter piloto e innovador, destinados a reforzar a base produtiva das áreas rurais, poñer en valor os seus recursos e mellorar a calidade de vida.

Aldeas Intelixentes, Solucións de futuro para aldeas sostibles é un proxecto que persigue obter solucións innovadoras que permitan impulsar a recuperación dos núcleos rurais co fin de potenciar os grandes valores destas áreas e proporcionar aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial, contribuíndo así aos grandes retos que afronta o rural, como son a seguridade alimentaria, o declive demográfico ou o cambio climático.

Esta iniciativa comezou a súa andaina no ano 2021 e a Consellería do Medio Rural optou por levar a cabo unha Consulta Pública ao Mercado, debido ao elevado carácter innovador da solución que se desexaba e ao non haber medidas existentes que se puideran adaptar ao seu obxectivo.

Unha vez identificadas posibles solucións, decidiuse desenvolver a licitación mediante Compra Pública de Innovación, que fomenta a colaboración público-privada, para achegar ao mercado solucións innovadoras que non existen comercialmente.

No proceso de Consulta Pública ao Mercado identificáronse cinco temáticas nas que desenvolver soluciones innovadoras; dada a necesidade de dúas plataformas intelixentes -unha para a xestión de servizos no ámbito local e outra para a trazabilidade e a valorización dos produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo-; así como un sistema de axuda á decisión para actividades agrarias e outro enerxético para aldeas modelo. Ademais, impulsarase a edificación e urbanización sostible.

Procura de financiamento

A elaboración do sistema enerxético integral para aldeas deu lugar ao contrato publicado en febreiro deste ano 2024, para o deseño dun modelo de comunidade enerxética aplicable a calquera aldea de Galicia. A Consellería do Medio Rural traballa na procura de máis financiamento, a través da liña de FID do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e doutros programas europeos e internacionais, para afrontar a totalidade dos retos identificados que forman parte da Estratexia de Aldeas Intelixentes.

Coa licitación para o desenvolvemento dunha solución integral para a xestión das comunidades enerxéticas en aldeas, que está en marcha cun orzamento de licitación de 1.179.750€ e un prazo de execución de 18 meses, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pretende deseñar un modelo único, modular e configurable de comunidade enerxética, aplicable a todas as aldeas pero que será instaurado nunha fase piloto nunha aldea modelo para a súa validación.

Propostas de licitación

Recibíronse un total de 10 propostas para esta licitación, na que participan un total de 20 empresas e entidades do sector da enerxía. O obxecto da licitación é definir o modelo técnico e tecnolóxico de comunidade enerxética, así como os posibles modelos de gobernanza en función do marco legal actual. Tamén se identificarán medidas concretas para a promoción e impulso económico das comunidades enerxéticas e se deseñará un Plan de dinamización e sensibilización para a promoción destas Comunidades Enerxéticas Locais.

O obxectivo final do proceso é implantar comunidades enerxéticas nas aldeas, xestionadas de maneira colaborativa para abaratar os custos enerxéticos, que acaden a autosuficiencia enerxética e que promovan o uso dos recursos locais como é a biomasa forestal ou os residuos agrarios.

 

Data de actualización: 27/04/2024