A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada PO-254 nos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario, cun investimento de máis de 1,4 M€

Os traballos previstos neste contrato contan cun prazo de execución de 4 meses

As obras consistirán na rehabilitación e na reposición do pavimento, ademais do repintado das marcas viarias

O Goberno galego continúa traballando na conservación das estradas de titularidade autonómica co fin de reforzar a seguridade viaria, tendo licitadas neste 2024 actuacións de mellora do firme por importe de máis de 23 M€

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario, que suporán un investimento de máis de 1,4 M€.

Os traballos previstos neste contrato contan cun prazo de execución de 4 meses.

As intervencións comprenderán a mellora e acondicionamento do pavimento nesta vía, no seu percorrido por estes tres municipios da comarca do Condado.

Trátase da rehabilitación superficial do firme da vía mediante o fresado e a súa reposición, completando os traballos co repintado da sinalización horizontal.

O Goberno galego continúa traballando na conservación das estradas de titularidade autonómica co fin de reforzar a seguridade viaria.

De feito, a Xunta leva licitados traballos de mellora do firme das estradas autonómicas para executar neste ano 2024 por importe de máis de 23 M€, deles preto de 5,5 M€ correspóndense con actuacións en vías autonómicas da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024