A Xunta colabora nun proxecto de innovación para o fomento das variedades de oliveiras autóctonas galegas

Pontevedra, 26 de abril de 2024 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto de investigación a cargo do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia para o fomento das variedades de oliveiras autóctonas galegas. Hoxe presentouse este proxecto de I+D+i  na sede da Misión Biolóxica de Galicia de Pontevedra, coa presenza de representantes da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño de Salceda de Caselas, dependente da Axencia.

Con este proxecto, búscase mellorar as técnicas que permitan reproducir once variedades únicas de oliveiras autóctonas galegas e prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado por novos agricultores galegos. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria financia esta iniciativa, liderada pola Fundación Juana de Vega, cunha axuda de preto de 180.000 euros para o seu desenvolvemento a través da convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.

Data de actualización: 26/04/2024