A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático mantivo un encontro co secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia

A Xunta analiza coa Unión de Consumidores de Galicia vías de colaboración para avanzar na xestión dos residuos e na redución dos desperdicios alimentarios

As partes estudan distintas accións para minimizar a produción de residuos de envases, papel e vidro e impulsar actuacións informativas e de concienciación neste eido dirixidas aos consumidores da comunidade

O obxectivo é implicar, en función da iniciativa, a empresas do sector da distribución alimentaria, entidades que traballan a prol da protección do medio ambiente ou outras administracións galegas

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024

A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) analizan novas vías de colaboración coas que avanzar na xestión dos residuos e na redución dos desperdicios alimentarios, entre outras cuestións.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o secretario xeral da entidade, Miguel López, mantiveron un encontro esta semana no que abordaron a posibilidade de desenvolver distintas accións para minimizar a produción de residuos de envases, papel e vidro, reducir o desperdicio alimentario e impulsar actuacións informativas e de concienciación dirixidas aos consumidores.

O obxectivo é, en función da actividade, contar coa colaboración de empresas do sector da distribución alimentaria, entidades implicadas na concienciación sobre a redución dos residuos ou outras administracións para optimizar os resultados destas actuacións.

As partes coincidiron na necesidade de avanzar na recollida separada de envases e outros residuos así como de promover iniciativas colaborativas nas que participen os colectivos ambientais e sociais. A finalidade é incidir na importancia da economía circular e aproveitar as sinerxías coa economía social.

En canto ao desperdicio alimentario, a Xunta e Ucgal apostan por medidas que contribúan a reducilo promovendo a doazón de alimentos, a racionalización do envasado ou a venda a granel, entre outras accións. A maiores, consideran fundamental avanzar nas actividades de comunicación e divulgación para mellorar os hábitos e comportamentos da cidadanía incidindo na transcendencia da economía circular, a reciclaxe, a limpeza dos espazos naturais e públicos e a recollida selectiva dos distintos tipos de residuos tanto nos espazos públicos como nos fogares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2024