A Xunta felicita ao grupo ‘Las Rías’ polos seus 50 anos como referente do sector da ferraxería e a bricolaxe e por incardinar os valores do cooperativismo galego

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto conmemorativo celebrado en Vigo por este grupo empresarial, do que destacou o seu compromiso coa xeración de emprego e a riqueza pegada ao territorio

Vigo, 27 de abril de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Vigo nos actos conmemorativos do 50º aniversario da fundación da cooperativa Las Rías, entidade referente no sector da ferraxería e da bricolaxe en Galicia e Portugal, que puxo como exemplo dos valores que preconiza a economía social: a solidariedade, a cohesión territorial e a xeración de riqueza e emprego pegada ao territorio.  

Fernández felicitou ao grupo, que conta con presenza en máis de 120 puntos de venta en Galicia, norte de Portugal e León, e cualificou de referente esta sociedade cooperativa,  que se ten convertido na maior rede comercial do sector, e modelo a seguir polos novos emprendedores da economía social.

O secretario xeral remarcou tamén o compromiso de Las Rías co emprego inclusivo e de calidade e o seu papel fundamental na contribución ao crecemento económico de Galicia, obxectivos nos que, ao longo da súa traxectoria, ten contado co apoio da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, o secretario xeral reafirmou o compromiso do Goberno galego coa  economía social, para impulsar o emprendemento e o emprego. Para seguir promovendo a economía social, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración seguirá afondando na difusión da economía social, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo.

A Administración autonómica vén de aprobar a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores.

Tamén se está a avanzar na nova Lei de cooperativas, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades, dixo Fernández, un traballo no que se están a recadar as necesidades dos principais interlocutores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2024