A Xunta apoia o achegamento dos máis pequenos ao oficio da xoiería mediante o certame "Deseña unha xoia para a túa nai"

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, asistiu hoxe á cerimonia de entrega de premios deste concurso infantil impulsado polo Colexio Oficial de Xoiería

Entregáronse 12 galardóns -de entre os 80 finalistas seleccionados- que verán executados os seus deseños para agasallar no Día da Nai grazas ao traballo de xoieiros galegos, entre os que se atopan seis obradoiros de Artesanía de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2024

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, acompañado da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Santiago de Compostela na cerimonia de entrega de premios do concurso infantil Deseña unha xoia para a túa nai, que impulsa o Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga) dende o ano 2010. O obxectivo do certame é animar os escolares de toda Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e achegarse así a unha profesión de grande arraigamento na nosa Comunidade, que combina tradición e innovación.

Os escolares participantes -diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos- debuxaron a xoia que lles gustaría regalar a súa nai e que se fará realidade no caso das 12 propostas premiadas, grazas á colaboración de diferentes xoieiros profesionais galegos entre os que se atopan os obradoiros Fink Orfebres (Santiago de Compostela), Ardentia e Unión Joyera de Bergondo (Bergondo), Rosende Joyeros (Ferrol), Raúl Pesqueira Fariña (Marín) e Óscar Joyeros (Viveiro), que pertencen á marca Artesanía de Galicia. Así, os gañadores poderán entregarlle persoalmente ás súas nais as pezas que deseñaron para elas.

No acto de hoxe estiveron presentes os 80 nenos e nenas finalistas xunto coas súas familias, procedentes das catro provincias galegas.

As 12 xoias únicas e exclusivas dos premiados na XII edición do certame Deseña unha xoia para a túa nai sumaranse ás 138 xoias fabricadas con anterioridade nas pasadas edicións, elaboradas por diferentes xoieiros colexiados de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2024