O presidente da Xunta participou na XXIII edición dos Premios Novoa Santos da Asociación Asomega

Rueda destaca o gran labor do persoal dos servizos de saúde en favor da sociedade galega

Salienta a boa situación da Sanidade galega

Recorda a importancia de seguir investindo en investigación e medios

Dá a súa noraboa aos galardoados e agradécelle á asociación o seu labor

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o gran labor do persoal dos servizos de saúde en favor de toda a sociedade galega.

Así o sinalou hoxe durante a súa intervención na gala dos Premios Novoa Santos no Pazo de Fonseca, organizadas pola Asociación Asomega e que este ano celebraban a súa XXIII edición. Nela a doutora Luz Couce foi elixida gañadora polo xurado, e ela designou á Fundación Andrea e a Rosaura Picáns como os outros merecedores do premio.

Na súa intervención, o presidente do executivo galego falou da boa situación da Sanidade da nosa comunidade, salientando que Galicia conta co calendario de vacinación más completo de mundo e que é a única comunidade autónoma que aposta por consolidar prazas coa categoría profesional de persoal investigador.

Ao mesmo tempo, recordou que é importante non conformarse con iso, senón seguir investindo en investigación e nos medios que fagan falta. Neste sentido, destacou que nos orzamentos deste ano triplicáronse os fondos para investigación con respecto ao ano pasado, e anunciou que nesta lexislatura incorporaranse novas patoloxías ao programa de cribado neonatal.

Ao final da súa intervención, Rueda quixo dar a noraboa aos galardoados na noite de hoxe, así como agradecer a Asomega o seu labor desinteresado. A todos eles deulles os parabéns por ser partícipes de maneira tan salientable do obxectivo común de coidar as persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024