A Consellería de Sanidade nomea a Mª Fernanda López Crecente nova xerente da área sanitaria de Ferrol

Conta cunha ampla experiencia como directora de Procesos de Soporte nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza e de Ferrol, así como en coordinación asistencial da Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia

Exerceu como subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde

Substitúe no cargo a Ángel Facio Villanueva, que pasa a ocupar a Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

A Consellería de Sanidade vén de nomear a María Fernanda López Crecente nova xerente da área sanitaria de Ferrol.  Natural de Lugo, conta cunha ampla experiencia como directora de Procesos de Soporte na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, posto que viña ocupando na actualidade. Previamente, desempeñou as mesmas funcións na área sanitaria de Ferrol.

Ademais, foi subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde entre os anos 2009 e 2012.

María Fernanda López Crecente é médico con praza en propiedade como Facultativo Especialista – Médico Coordinador 061 con categoría de xefe de sala  da Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias desde o ano 1995. Ademais de traballar como médico coordinador-xefe de sala en diferentes períodos, tamén foi directora de Coordinación e Coordinación Asistencial na Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia.

López Crecente substitúe á fronte da área sanitaria de Ferrol a Ángel Facio Villanueva, que pasa a ocupar a Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

No día de hoxe, a Consellería de Sanidade tamén nomeou a José Santiago Camba Bouzas novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2024