A Xunta destina máis de 257.000€ á renovación da instalación da protección de incendios do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

A plataforma Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación da obra, coa previsión de que poida empezar en setembro cun prazo de execución de catro

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A plataforma Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación da obra de conservación, reparación e renovación da instalación de protección de incendios do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) por un importe superior aos 257.000 euros. A estimación é que a actuación poidan comezar en setembro cun prazo de execución de catro meses.

As empresas interesadas en optar ao contrato dispoñen de 26 días naturais, ata o 27 de maio, para presentar as ofertas a través  do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX), no enderezo electrónico www.conselleriadefacenda.es/silex. Deste xeito, a adxudicación produciríase a finais de xullo e a formalización do contrato a comezos de agosto.

A iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego polas infraestruturas deportivas de Galicia para garantirlles aos deportistas unhas instalacións seguras e confortables. Así, neste ano investiranse 17,5 millóns de euros en melloras nestes espazos.

Nesta liña, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, situado en Pontevedra, é un referente ao acoller o deporte de alto nivel e ser o centro de tecnificación que conta con máis especialidades a nivel nacional. Cun orzamento anual de 3 millóns de euros, dispón ademais como satélites do Complexo de Regatas de Verducido e do Centro Galego de Vela, ademais dos oito Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE).

Data de actualización: 29/04/2024