A Xunta inviste case 3,7 millóns de euros en máis de 85 cursos de acción formativa para desempregados na área de influencia de Pontevedra

O delegado territorial visitou o curso de soldadura que se está a levar a cabo en Bueu

A Xunta inviste preto de 10 millóns de euros nos cursos AFD da área territorial de Pontevedra

Bueu, 29 de abril de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Quattro Formación, unha das 45 empresas que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na área territorial de Pontevedra. 

O delegado puido conversar cos 15 alumnos e alumnas da formación de Soldadura, que lle transmitiron a súa satisfacción coas iniciativas para as persoas desempregadas que se están a levar a cabo neste centro. Quattro Formación impartirá ata cinco cursos AFD para os cales conta cun financiamento de preto de 329.00 euros. 

Cabe destacar que na área territorial de Pontevedra están aceptadas un total de 228 accións formativas, das cales 85 teñen lugar nos concellos da área de influencia de Pontevedra. Estes cursos contan cun orzamento de preto de 3,7 millóns de euros, dos case 10 millóns de euros que a Xunta investirá no total da área territorial de Pontevedra. 

O delegado aproveitou a visita para destacar a importancia desta iniciativa e a necesidade de seguir axudando ás persoas que non conseguen inserirse no mercado laboral: “Os cursos de formación en xeral e os AFD en particular son unhas das principais iniciativas da consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Dende a Xunta temos claro que a mellor política social é a loita contra o desemprego e nesa dirección seguiremos traballando”. 

A comarca

O concello de Pontevedra é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa área de influencia, cun total de 51 cursos distintos e 8 empresas formadoras. Pola súa banda, Marín conta con 8 accións formativas, ao igual que o concello de Barro. En Pontecaldelas impartiranse 14 cursos, mentres que o concello e Bueu contará cos 5 AFD impartidos por Quattro Formación. 

Os cursos están enfocados a áreas cunha baixa taxa de desemprego, de cara a maximizar a empregabilidade do alumnado. Entre elas, a hostalería, a mecánica, os servizos sociais ou a carpintería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024