José González reuniuse hoxe con Amelia Pérez e Paulo Carril e nos vindeiros días recibirá ao máximo representante de UXT na comunidade galega, José Antonio Gómez

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración continúa co proceso de escoita activa e reúnese cos líderes sindicais de CCOO e CIG en Galicia

Nas xuntanzas incidiu na importancia da colaboración público-privada e no diálogo para seguir impulsando a actividade económica

A nova estructura da Consellería reforza o emprego autónomo e a economía social para simplificar o catálogo de axudas de acordo co que precisan estes colectivos

No Consello da Xunta do luns, precisamente, aprobáronse dous programas relativos a impulsar a economia social, para a transformación de empresas en cooperativas ou sociedades laborais, e o traballo autónomo, para a mellora da competitividade

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, proseguiu hoxe co proceso de escoita activa iniciado o luns coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) con dúas reunións: coa secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e co líder sindical da CIG, Paulo Carril. Esta rolda de contactos cos principais axentes sociais e económicos de Galicia continuará a vindeira semana co máximo representante de UXT, José Antonio Gómez.

O novo titular de Emprego do Goberno galego incidiu na importancia do diálogo e da colaboración público-privada para seguir impulsando en Galicia o emprego, o comercio e o retorno das galegas e dos galegos no exterior e, en definitiva, para continuar dinamizando a economía galega.

Para iso, a Consellería conta cunha nova estrutura coa que xa se comezou a traballar desde o primeiro día para dar solucións aos novos retos. Baixou o paraugas da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais reforzarase o emprego por conta allea e o emprego autónomo e, para iso, creouse unha Dirección Xeral específica de Traballo Autónomo e Economía Social co cometido principal de simplificar o catálogo de axudas de acordo co que precisan os traballadores autónomos.

No Consello da Xunta celebrado este mesmo luns, precisamente, aprobáronse dous programas vinculados coa economía social e o emprego autónomo. Dunha banda, para a transformación de empresas en cooperativas ou sociedades laborais investiranse 2,3 millóns de euros en apoios que poden alcanzar un máximo de 74.000 euros. Estas axudas van destinadas a empresas sen remuda xeracional, unións de persoas autónomas e calquera tipo de sociedade que desexe converterse nunha fórmula de economía social ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras.

Aprobouse tamén a quinta edición do programa de mentoría para a mellora da competitividade de 200 autónomos. Desde que naceu a iniciativa en 2020, a Xunta asesorou máis de 850 traballadores autónomos a través deste programa.

Continuado coa estructura da Consellería, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais tamén dependerá a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que seguirá centrada, entre outros, en casar oferta con demanda para dar as mellores oportunidades ás galegas e galegos que buscan un emprego.

Emigración e Comercio

Coa Secretaría Xeral de Emigración quérese seguir facilitando o retorno das galegas e galegos no exterior para atraer o seu talento a Galicia; e, por último, coa Dirección Xeral de Comercio e Consumo preténdese mellorar a competitividade comercial, asegurando a súa viabilidade, impulso e relevo xeracional.

O impulso do emprego a través da economía social e os autónomos, das relacións laborais, do comercio e da emigración son as materias que se reforzarán, según González, a través do diálogo e o consenso e a colaboración público-privada para avanzar nos retos de Consellería como son, entre outros, a impulso do emprego de calidade e o axuste da oferta coa demanda utilizando a Intelixencia Artificial.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2024