A Xunta reabre dende hoxe as comunicacións para as queimas agrícolas e as solicitudes de autorización para as de restos forestais amoreados

As persoas interesadas deberán confirmar na súa comunicación que efectuarán unha queima de palla ou material natural non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas ou gandeiras; e no caso de efectuar o trámite chamando ao 012, deberán dar conta tamén desta circunstancia por teléfono

Desde hoxe tamén se retoman as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados que, neste caso e como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

A Xunta reactiva desde hoxe mesmo as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.

Os que soliciten un novo permiso hoxe, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa, poderán levar a cabo a queima a partir deste sábado, 4 de maio.

Como viña sendo habitual, no portal da internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.

A maiores, tamén se retoman desde hoxe as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.

Cabe engadir que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

Data de actualización: 02/05/2024