O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participa na apertura do centro dixital HubNet da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

A Xunta avoga por unir sinerxías público-privadas para referendar a posición de Galicia como terra de oportunidades

José González destacou o proceso de diálogo iniciado esta semana coa patronal e sindicatos, que completará en datas próximas cos interlocutores do traballo autónomo, a economía social e o comercio para abordar en común os retos

Como administración facilitadora para os investimentos en Galicia, avogou por simplificar e desburocratizar os procedementos

O novo Mapa do Emprendemento da Consellería de Emprego está a reunir todos os recursos e entidades implicados en Galicia e en dúas semanas xa aglutina un total de 145 rexistros de axentes que promoven as iniciativas empresariais

Pontevedra, 2 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe na inauguración en Pontevedra do centro dixital HubNet -unha iniciativa coa que a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa impulsará a transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o nacemento de novos negocios-, que o representante autonómico puxo como exemplo das actuacións que Galicia está a desenvolver para seguir a ser terra de oportunidades.  

González defendeu a colaboración público-privada dentro do ecosistema emprendedor para aproveitar sinerxías e para unir a todos os actores clave da economía en favor do crecemento da comunidade. Neste sentido lembrou que está a desenvolver un proceso de diálogo e escoita activa con patronal e sindicatos -hoxe mesmo reuniuse con representantes de CCOO e CIG- que completará nas próximas datas en contacto cos foros de autónomos, economía social ou do comercio e coas confederacións de empresarios de carácter provincial. 

“Queremos escoitar propostas para tratar de validar o que queremos mellorar”, incidiu González, que apuntou como algúns dos aspectos prioritarios abordar cuestións como a formación para o emprego, a casación da demanda de traballo coa oferta, a loita contra a sinistralidade laboral e o absentismo laboral. 

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de reforzar a súa estrutura coa creación dunha nova dirección xeral específica de emprego autónomo e economía social, co obxectivo, dixo o titular deste departamento, de aproveitar o potencial emprendedor dos galegos. 

O Goberno galego quere ser unha Administración cada vez máis facilitadora para a empresa. Na presente Lexislatura avanzarase na simplificación, a desburocratización e a simplificación do catálogo de axudas existentes, aspectos nos que incidiu o conselleiro. 

González referendou o seu compromiso de apoiar ao tecido produtivo para que siga a crecer e a crear emprego de calidade. Tamén para abordar de maneira decisiva  a innovación no sector comercial minorista e a súa dixitalización para que ofreza un produto diferenciado que atraia máis clientela e blinde a súa fidelidade. 

Neste camiño, engadiu o conselleiro, “as Cámaras de Comercio son unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento empresarial, sobre todo na parte das pemes e na súa internacionalización”. 

Mapa do emprendemento

O conselleiro referiuse, por outra banda, ao Mapa de emprendemento que vén de lanzar o seu departamento, un espazo virtual (www.mapaemprendemento.gal) que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio. 

Tras o seu lanzamento hai dúas semanas, a web xa aglutina 145 de entidades (outras vinte amosaron o seu interese en facelo) que traballan na promoción das iniciativas empresariais na comunidade, afirmou González, quen amosou a súa convicción de que o emprendemento é chave que crear empregos próximos, de calidade, sustentables e igualitarios e para potenciar, a través das  novas ideas, un tecido empresarial máis rico e variado, plural e diverso. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2024