O director do Instituto de Estudos do Territorio participou no izado deste distintivo

A Xunta pon en valor o compromiso do concello de Outeiro de Rei co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia

Enrique de Salvador pon en valor a ampla actividade municipal con actuacións como o acondicionamento das rutas de sendeirismo e do miradoiro da paisaxe de Paraños

O outorgamento deste distintivo constituirá un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e de xestión de residuos

Outeiro de Rei (Lugo), 3 de maio de 2024

A Xunta de Galicia recoñeceu o compromiso do Concello de Outeiro de Rei co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia, un distintivo que este municipio recibe por terceira vez e que busca fortalecer a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

Durante o izado deste distintivo no concello lucense, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor a ampla actividade municipal no ámbito da ordenación do territorio e da protección do ambiente e da paisaxe. Nesa liña, salientou con actuacións como o acondicionamento das rutas de sendeirismo, incluíndo o desenvolvemento dunha páxina web e dunha app cos distintos itinerarios, e do miradoiro da paisaxe de Paraños, onde se transformou a antiga torre e vixilancia contra incendios nun observatorio.

Por outra banda, tamén subliñou o compromiso municipal coa loita contra o cambio climático coa aprobación por parte do Concello do Plan de acción polo clima e a enerxía, polo que se compromete a reducir as emisións de CO2 e fai un estudo de avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o quecemento global.

A Bandeira Verde de Galicia, creada no ano 2020, pretende distinguir aos municipios máis dinámicos no desenvolvemento de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 18 os municipios distinguidos.

Logo de explicar que poden optar a este recoñecemento todos os concellos de Galicia, o director do IET lembrou que o outorgamento deste distintivo constituirá mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas en materia de residuos para construír e mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.

“O obxectivo é que estas prácticas sexan recoñecidas pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos”, concluíu Enrique de Salvador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024