A Xunta visita as iniciativas de formación que impulsa co Concello de Arteixo para mellorar a empregabilidade dun cento de persoas desempregadas

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, coñeceu o Programa integrado de emprego ‘Arteixo 2023-2024’ e o obradoiro ‘Arteixo seguro 2023-2024’, en marcha para impulsar a empregabilidade dos seus beneficiarios

Destacou a relevancia destas iniciativas da Xunta para acadar máis e mellores oportunidades laborais entre persoas con maiores dificultades como mulleres ou menores de trinta anos e por engadir valor ás contornas nas que se imparten

Arteixo (A Coruña), 3 de maio de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe o Centro Arteixo Innovación, onde se están a realizar accións de formación e orientación para mellorar as oportunidades laborais de 120 persoas desempregadas en sectores con ampla demanda laboral nesta localidade.

O Concello de Arteixo está a desenvolver, por unha banda, co apoio da Xunta de Galicia,  ata o próximo 12 de novembro, o Programa Integrado de Emprego Concello de Arteixo 2023-2024, dirixido á formación de 100 persoas que están a recibir información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral.

Lado puxo en valor que con este tipo de iniciativas a Administración autonómica blinda o compromiso de contratación de polo menos o 35% dos participantes, que ascende ao 45% no caso deste municipio coruñés. No acto, no que participou o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, a representante autonómica destacou que entre as persoas beneficiarias se atopen menores de 30 anos, maiores de 45 e mulleres, colectivos de prioridade para a Xunta de Galicia.

A participación da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón e do Centro Comercial Aberto de Arteixo son dous dos aspectos que salientou na súa visita a directora xeral, o que contribúe a que a formación se desenvolva nun contexto de proximidade e permita satisfacer as necesidades de perfís profesionais das empresas da contorna.

Os programas integrados de emprego destacan polo seu carácter innovador e por favorecer as medidas de conciliación para as persoas participantes. No caso de Arteixo estanse a impartir itinerarios formativos específicos de operarios de almacén, atención ao cliente, limpeza industrial, limpeza residencial ou xestión loxística.

Desde 2009 máis de 55.000 persoas participaron en programas integrados de emprego en Galicia nos que a Xunta investiu máis de 100 millóns de euros.

Obradoiro ‘Arteixo seguro 2023-2024’

A directora xeral coñeceu na mesma visita o obradoiro de emprego que o concello coruñés está a desenvolver ata o próximo 10 de decembro e no que toman parte un total de 20 persoas desempregadas. A actividade especialízase en Limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e está a ser financiada pola Administración autonómica con 531.000 euros.

Tal e como destacou Lado, os obradoiros, ademais de brindar máis e mellores oportunidades laborais ás persoas participantes, engaden valor ás contornas, como está a ocorrer neste caso, con actuacións que mellorarán a limpeza pública en zonas escolares e deportivas, nos núcleos de Meicende e Pastoriza, no centro ou na Travesía de Arteixo.

O obradoiro en marcha desde o pasado 11 de decembro é un exemplo das ferramentas que a Xunta pon a dispor da poboación desempregada para que atope máis e mellores oportunidades laborais.

O Goberno galego destinará entre 2024 e 2025 case 40 millóns de euros aos obradoiros para beneficiar unhas 1.820 persoas.

Data de actualización: 03/05/2024