A Xunta participa no simulacro organizado pola Armada no porto da Coruña

A actividade consistiu na neutralización dun incidente terrorista a bordo dun buque de pasaxe simulado polo cruceiro ‘Costa Diadema’, que foi secuestrado por persoas armadas con explosivos e armas convencionais

A Coruña, 3 de maio de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no simulacro MARSEC-24 no porto coruñés, mentres que, pola súa banda, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistirá esta tarde ao acto organizado a bordo do patrulleiro Serviola con motivo da súa participación neste exercicio.

Os exercicios de seguridade marítima MARSEC, son actividades organizadas pola Armada en toda a xeografía nacional e con carácter anual, nos que se xuntan os esforzos dos distintos organismos e axencias do ámbito marítimo, civís e militares, públicos e privados, e de países veciños para lograr o obxectivo de salvagardar os intereses comúns nos distintos espazos marítimos españois.

A actividade consistiu na neutralización dun incidente terrorista a bordo dun buque de pasaxe simulado polo cruceiro Costa Diadema, que foi secuestrado por cinco persoas armadas con explosivos e armas convencionais.

O exercicio contou  coa participación da Armada, a Policía Nacional, a Autoridade Portuaria da Coruña, a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar), a Policía Autonómica, a Capitanía Marítima da Coruña, os servizos de emerxencias coordinados desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e 061, a Policía Local e Bombeiros do Concello da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024