A Xunta colaborou coa construción do Albergue da Finca Tenreiro de Oleiros a través de cinco edicións de obradoiros de emprego

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu hoxe á inauguración do novo espazo

As alumnas e alumnos seleccionados para o obradoiro de emprego de Oleiros, en convocatorias realizadas nos últimos anos, participaron con traballos de albanelería, carpintería e moble

Lado apuntou que a Xunta xa aprobou a convocatoria 2024-2025 dos obradoiros de emprego (duais e para a mocidade) cun investimento que supera os 46 millóns

Oleiros (A Coruña), 4 de maio de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Oleiros na inauguración do albergue da Finca Tenreiro, un espazo que contou para a súa construción coa colaboración das alumnas e alumnos de diferentes obradoiros de emprego que financia a Xunta de Galicia.

En diferentes edicións destes programas mixtos de formación e emprego, entre os anos 2016 ao 2022, os participantes desenvolveron, entre outros, traballos de albanelería e carpintería e moble.

Lado na súa intervención lembrou que a Xunta aprobou xa por un importe global próximo aos 46 millóns de euros a convocatoria dos obradoiros de emprego para o período 2024-2025 coa previsión de que se poidan desenvolver en Galicia máis dun cento de obradoiros e programas de emprego dos que se poderán beneficiar máis de 2.000 persoas sen traballo, coa conseguinte mellora das súas oportunidades laborais.

En concreto, máis de 39,1 millóns dirixiranse a beneficiar unhas 1.820 persoas a través da realización de 91 obradoiros duais, mentres uns 240 menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil poderán acceder a 15 programas de emprego cun investimento próximo aos 6,6 millóns.

Os obradoiros duais, con data prevista de inicio o 1 de xullo de 2024, poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Nesta nova convocatoria, ofreceranse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna, coa previsión de chegar a un 3% máis de beneficiarios.  

Certificado de profesionalidade

O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade ao rematar a experiencia. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta de Galicia. 

A convocatoria de obradoiros duais porá o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, nas aldeas modelo ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.

Para acceder a estes obradoiros, priorizarase ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as  beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

Para a mocidade

No relativo á convocatoria para menores de 30 anos, trátase de programas públicos de emprego-formación cofinanciados pola Unión Europea que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas -menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil- mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social que lles posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación recibida, favoreza a súa inserción no mercado de traballo.

A duración dos programas -combinando a formación coa realización dun traballo remunerado- será de 12 meses. Poden ser promovidos por concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados, resultantes de fusión e os que teñan condición de concellos emprendedores. Tamén primarán os proxectos relacionados coas TIC, coa economía dixital, co tecido empresarial e coa posibilidade de inserción.

Colaboración institucional

Cómpre engadir que a Xunta encargarase, en ambas convocatorias, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Estas accións, en palabras de Lado, perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade.

Así mesmo, a posta en marcha destes proxectos está a permitir -pola vía da colaboración entre Administracións ou con outras entidades- a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. É o caso da mellora da Finca de Tenreiro en Oleiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2024