A Xunta mantén aberto o prazo para que entidades e toda a cidadanía galega presenten candidaturas ás Medallas Emilia Pardo Bazán

O prazo para rexistrar as propostas remata o vindeiro luns, día 13 de maio

Estes galardóns son un recoñecemento público ao traballo de persoas e entidades a prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

O Goberno galego mantén aberto ata o vindeiro luns, día 13 de maio, o prazo de presentación de candidaturas ás Medallas Emilia Pardo Bazán 2024, que recoñece a contribución de persoas ou entidades na defensa e promoción da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. Calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas que desexen presentar as súas propostas poden facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para formalizar a proposta, as persoas interesadas deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan os méritos polos que se insta a conceder o recoñecemento á persoa, entidade ou institución aspirante ao galardón.

A Xunta impulsou as Medallas Emilia Pardo Bazán no ano 2019 para enxalzar as accións relevantes a prol da igualdade efectiva e brindar unha recoñecemento público ás medidas desenvolvidas na nosa comunidade nese eido. A través destes premios, o Executivo autonómico contribúe á sensibilización social, a dar máis visibilidade aos talentos e capacidades das mulleres, e á difusión da traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta.

Premios da última edición

Na edición do ano pasado, as Medallas Emilia Pardo Bazán recaeron a María Teresa Cortizas González-Criado, pola súa labor como delegada de Igualdade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; á Fundación Secretariado Gitano, que actúa a prol da inclusión social da poboación xitana así como contra a discriminación que sofren as mulleres xitanas; e á Asociación Ejecutivas de Galicia, que traballa pola igualdade e polo recoñecemento público de mulleres profesionais a través do proxecto Referentes galegas.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratase dunha precursora na defensa do dereitos das mulleres e do feminismo, e por ter reivindicado a educación das mulleres. Ademais, en todas as súas obras incorporou ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres  ás mesmas oportunidades que os homes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2024