A Xunta destaca como prioridade o benestar emocional e a educación en igualdade para impulsar o futuro das nenas e mozas

A Coruña, 25 de maio de 2024

A directora xeral de Igualdade, María Quintiana, destacou esta mañá o benestar emocional e a educación en igualdade como eixos claves para impulsar o futuro das nenas e mozas. Fíxoo durante a súa intervención na presentación do III Congreso ‘A saúde das nenas e mozas’ organizado pola asociación La Ciencia es Femenino en colaboración con UNICEF Galicia.

No marco do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (Muncyt), situado na Coruña, María Quintiana incidiu na aposta pola Xunta pola igualdade real e chamou á necesidade de que as nenas e adolescentes poidan vivir, educarse, coidarse e curarse en espazos seguros que estean asentados baixo a prisma da perspectiva de xénero.

Neste sentido, fixo fincapé nos avances que supuxo a nova Lei de Igualdade de Galicia, na que se fixan accións en eidos tan prioritarios como a saúde, a ciencia, a educación e no mundo dixital para lograr a igualdade.

A directora xeral puxo en valor o traballo desenvolto a través da Unidade Muller e Ciencia de Galicia e co III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 para potenciar a presenza das nenas e mulleres no eido da investigación e da tecnoloxía e avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta. Ademais, no ámbito concreto da saúde, lembrou a importancia de que se teña incorporado a perspectiva de xénero na Estratexia Galega de Saúde e nos estudos dos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, coa que se promove a equidade na atención médica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024