Villares subliña as medidas da Xunta de impulso ao emprendemento feminino no foro ‘Activistas do Rural’

O delegado territorial de Lugo participou na xornada que promove o grupo Lence, xunto co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez

Lugo, 1 de outubro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe as medidas que desenvolve a Xunta de Galicia para impulsar o emprendemento feminino e os proxectos económicos liderados por mulleres no rural, “recoñecendo o papel fundamental que desempeñan e traducindo ese recoñecemento en oportunidades reais”.

O delegado participou no IV Foro Activistas do Rural, que organizou o grupo Lence no Museo Interactivo da Historia de Lugo e ao que tamén asistiron por parte da Consellería do Medio Rural o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Villares sinalou que o plan de axudas para facilitar a remuda xeracional e a modernización das explotacións agrarias, dotado con 53 millóns de euros, recolle incentivos específicos para a incorporación das mulleres e a mellora das explotacións agrarias nas que figuran como titulares.

“As mulleres teñen cada vez máis peso nun sector tradicionalmente masculinizado que avanza en equidade, cualificación e competitividade”, afirmou. Neste sentido, lembrou que representan preto da metade das 614 persoas matriculadas este ano nos centros de formación e experimentación agraria da Xunta.

Así mesmo, indicou que o Goberno galego conta cun plan concreto de emprendemento feminino, o Emega -que ademais prioriza as iniciativas nos concellos rurais-, e tamén se contemplan previsións favorables noutras liñas xenéricas como o establecemento de  traballadores autónomos ou os apoios á contratación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026