Medio Rural colaborará coa noite solidaria contra o cancro poñendo en valor a calidade da gastronomía galega
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria reuniuse con representantes da Asociación Española Contra o Cancro para avanzar na organización do evento, que se celebrará o 23 de outubro na Cidade da Cultura
A iniciativa permitirá promover unha alimentación saudable e de calidade, cun menú degustación elaborado a partir de produtos galegos de calidade diferenciada, de proximidade e ecolóxicos
Cociñeiros galegos de referencia participarán na elaboración das diferentes propostas gastronómicas, mentres produtores de calidade diferenciada colaborarán tamén coa doazón de produtos para os sorteos da noite
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación Española Contra o Cancro para avanzar na organización da Noite Solidaria contra o Cancro, que se celebrará o vindeiro 23 de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Durante o encontro abordouse a colaboración da Consellería do Medio Rural na vertente gastronómica desta iniciativa, na que os produtos agroalimentarios galegos de calidade terán un especial protagonismo a través dun amplo menú degustación.
A proposta permitirá aproveitar a gastronomía como vehículo para poñer en valor a importancia dunha alimentación saudable, variada e de calidade, cunha selección de produtos galegos de calidade diferenciada, de proximidade e ecolóxicos. Unha maneira de achegar aos asistentes a diversidade da produción agroalimentaria galega e o traballo dos produtores e elaboradores que hai detrás dela.
A presenza destes produtos enmarcarase na nova identidade de promoción Aquí Sabemos, coa que a Xunta busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos alimentos galegos amparados por figuras de calidade diferenciada, poñendo o foco na súa calidade, orixe e vinculación co territorio.
A calidade da materia prima unirase, ademais, ao talento da cociña galega, coa participación de cociñeiros galegos de referencia, que serán os encargados de elaborar as diferentes propostas gastronómicas da noite. Deste xeito, o evento permitirá amosar tamén as posibilidades que ofrecen os produtos galegos de calidade a través da súa transformación na cociña.
A esta colaboración sumarase a implicación directa do propio sector agroalimentario galego, xa que produtores de alimentos de calidade diferenciada colaborarán coa Asociación mediante a doazón de produtos para os sorteos que se realizarán durante a noite, reforzando así o carácter solidario da iniciativa.
Desde Medio Rural, salientouse que Galicia conta cunha ampla variedade de alimentos ligados ao territorio e amparados por figuras que acreditan a súa orixe, calidade e formas de produción, unha riqueza que constitúe unha das fortalezas do sector agroalimentario galego.
Gastronomía, saúde e solidariedade
A Noite Solidaria contra o Cancro reunirá persoas, empresas e entidades arredor dunha iniciativa na que a gastronomía galega servirá como punto de encontro para sumar esforzos fronte ao cancro.
Así, a Xunta súmase a unha cita que permitirá conxugar gastronomía, alimentación saudable e solidariedade, coa implicación de produtores, elaboradores e profesionais da cociña galega, contribuíndo ao mesmo tempo a apoiar o labor que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro na atención aos pacientes e ás súas familias e no impulso da investigación.
A celebración terá lugar o 23 de outubro, ás 21.00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, coincidindo ademais co mes de sensibilización sobre o cancro de mama.
As persoas interesadas en participar na Noite Solidaria contra o Cancro poden adquirir a súa entrada a través da ligazón de inscrición habilitada pola Asociación Española Contra o Cancro: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdtKP9ZSe0PzYdbuQ3urHWK3TieFmaxaU4vmD3tMYwf4jswlQ/viewform