A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as instalacións de Acolat en Caldas de Reis
María José Gómez chama á industria láctea a compensar os gandeiros polo incremento dos seus custos de produción
Pide tamén un esforzo aos consumidores, “porque sen produtores non hai produtos de calidade nas nosas mesas” e insiste en reclamar ao Goberno central que faga un especial fincapé na redución da fiscalidade das persoas agricultoras e gandeiras
Destaca a importancia do cooperativismo no agro galego e define Acolat como “un claro caso de éxito”, cuns datos de facturación que se aproximan aos 33 millóns de euros e un cadro de persoal que supera os 60 empregos
Lembra que as axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios apoian na súa última convocatoria un total de 36 proxectos, sendo os sectores lácteo e cárnico os máis beneficiados
Caldas de Reis (Pontevedra), 2 de outubro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo hoxe unha chamada á industria láctea, de cara á renovación dos contratos, para que teña en conta o incremento dos custos de produción ao que se enfrontan actualmente os gandeiros e que “os repercuta nos produtores, para que as granxas sigan sendo eficientes e economicamente rendibles”.
Nunha visita ás instalacións da Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat) en Caldas de Reis, a conselleira pediu este “esforzo” ás industrias e tamén aos consumidores, “porque sen produtores non hai produtos de calidade nas nosas mesas”. Ao tempo, insistiu en demandar ao Goberno central que faga “un especial fincapé en reducir a fiscalidade dos produtores, en proporción dos seus ingresos, para que vexan compensando ese sobrecusto”.
Puxo ademais en valor as axudas que vén de dispoñer a Xunta, por importe de 3,6 millóns de euros, para apoiar directamente aos agricultores e gandeiros galegos fronte ao aumento dos custos de produción, especialmente no referido ao gasóleo agrícola e aos fertilizantes.
Axudas para mellorar a competitividade
Nesta visita, Gómez destacou que o Goberno galego impulsou a competitividade e a transformación de Acolat con axudas por importe de máis de 3 millóns de euros desde o ano 2013. Estes fondos contribuíron a mobilizar un investimento total de 7,6 millóns de euros neste período, segundo explicou a conselleira, quen estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Nesta visita, Gómez salientou ademais a importancia do cooperativismo no agro galego e definiu Acolat como “un claro caso de éxito” deste modelo, cuns datos de facturación que se aproximan aos 33 millóns de euros e un cadro de persoal que supera os 60 empregos. Por iso, engadiu, a Xunta apoiou este proxecto empresarial mediante as axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios. Unhas achegas que na súa última convocatoria benefician un total de 36 proxectos e que contaron cun orzamento de máis de 23 millóns de euros, sendo os sectores lácteo e cárnico, precisamente, os máis beneficiados, ao concentrar arredor da metade das iniciativas subvencionadas. Asemade, cómpre destacar que este ano incorporouse unha nova liña de achegas, centrada en financiar investimentos con obxectivos ambientais, e que desde o ano 2016 a Xunta destinou 195 millóns de euros a apoiar máis de 600 proxectos de mellora industrial.
Mellora das instalacións
A conselleira sinalou que estes fondos permiten aos beneficiarios -como foi o caso de Acolat- ampliar e mellorar as súas instalacións, mediante actuacións como a construción e reforma de inmobles, así como a adquisición de maquinaria, equipamentos novos e programas informáticos, entre outros investimentos.
Así, no caso concreto desta agrupación de cooperativas, a súa elaboración de iogures ou sobremesas lácteas, entre outros produtos, viuse sensiblemente mellorada grazas a investimentos que lle permitiron modernizar e optimizar os seus procesos, mesmo incorporando novas liñas de envasado e avanzando na automatización, na almacenaxe e na conservación. Nesta liña, a conselleira destacou que a planta de Acolat de Caldas de Reis é a primeira de Galicia en produción de iogures e ocupa o quinto lugar en España.
Neste contexto, Gómez valorou que as axudas contribúen tamén á sustentabilidade das industrias agroalimentarias, tanto na súa faceta económica como ambiental, incentivando a modernización e a competitividade destas empresas. Ademais, foméntase a transformación da produción en Galicia, co que se incrementa o seu valor engadido. Lembrou, neste senso, que no sector lácteo xa se superou a porcentaxe do 75 % do leite transformado en Galicia, un fito no que cooperativas como Acolat desempeñan un papel fundamental, remarcou.