A Xunta aboará nos próximos días o 90% dos ecorréximes da PAC a uns 16.000 beneficiarios galegos

Malia que aínda non están publicados os importes unitarios das axudas directas por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), o que condiciona a posibilidade de pagar a totalidade destas achegas

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) está a tramitar tamén o pago das axudas agroambientais, unha vez que por parte do Fega se habilitou a aplicación informática de xestión para a avaliación dos controis de campo

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

A Xunta fará efectivo a finais de maio -adiantándose ao prazo establecido do 30 de xuño- o pagamento correspondente ao 90% do importe da axuda de ecorréximes da PAC, malia que aínda non están publicados os importes unitarios das axudas directas por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), o que condiciona a posibilidade de pagar neste intre o 100% destas achegas. 

Este pago suporá un desembolso de arredor de 13,5 millóns de euros para os beneficiarios acollidos a estas axudas, que en Galicia son arredor de 16.000, que representan aproximadamente o 65% do total de solicitantes da PAC na nosa comunidade.

Con respecto ás axudas agroambientais da PAC, cuxa resolución foi publicada o pasado día 1 de marzo, estas achegas supoñen un montante de 26,2 millóns de euros, o que supón un notable incremento respecto ao ano anterior (daquela foran 19,6 millóns). Arestora o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) está preparando os pagos correspondentes, unha vez que por parte do Fega se habilitou a aplicación informática de xestión para a avaliación dos controis de campo. Cómpre aclarar que as instrucións polas que se establece a forma e o contido de información a cubrir nos ficheiros de pagos foi publicada polo Fega na segunda quincena de abril. Sen estas instrucións non se poderían realizar os pagos que, en todo caso, faranse dentro do prazo establecido.

Hai que lembrar que recentemente por parte do Fogga xa se pagaron a totalidade das axudas a zonas con limitacións naturais, que beneficiaron uns 10.500 perceptores por un importe global de arredor de 18 millóns de euros. Así, Galicia xa efectuou o pago do 90% dos importes en todas as demais liñas de axudas directas correspondentes á presente campaña, así como o 100% nas dúas medidas de zonas con limitacións naturais, o que supón, en conxunto, máis de 146 millóns de euros inxectados no rural galego.

Nesta liña, a Xunta reitera, como vén reclamando dende o inicio da negociación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac), a súa petición de flexibilización xeral da tramitación, para favorecer unha maior axilidade tanto cara os beneficiarios como no que atinxe á xestión por parte da Administración.

 

Data de actualización: 07/05/2024