A Xunta impulsa en Taboada a segunda edición de ‘Raizames’, un encontro cultural arredor do viño da Ribeira Sacra

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento

Lugo, 7 de maio de 2024

A Xunta de Galicia colabora coa organización da segunda edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra Raizames, que se celebrará en Taboada ao longo desta fin de semana. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, promovido pola Asociación de Comerciantes e Industriais do municipio.

Arias explicou que o Goberno galego apoia esta cita a través de Turismo de Galicia para sumar “outra convocatoria turística de referencia arredor do viño para esta denominación de orixe”. Neste sentido, apuntou que a proposta de Taboada engade  unha aproximación multidisciplinar á viticultura como actividade económica esencial e como elemento identitario do concello e da comarca.  

O Encontro abrirase o venres, día 10, ás 18,30 horas, cun paseo guiado á exposición fotográfica “Paisaxe humana”, de Abel Valdenebro, distribuída polas rúas da vila.  Posteriormente proxectarase o documental “Os gardiáns das cepas” no auditorio da Casa Cuartel.

Durante a xornada do sábado haberá roteiros, catas guiadas e degustacións de viños; unha mesa redonda sobre as vides e a paisaxe, o espazo infantil “Vendimarte cativa” e varias actuacións musicais, entre outras propostas.

O programa remata o domingo pola mañá coa presentación do libro “Observacións sobre a cultura do viño na Galiza”, o encontro “O viño, con nome de muller”, unha degustación de viños e un espectáculo de danza contemporánea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2024