A Consellería do Medio Rural pedirá ao Ministerio de Agricultura a autorización da destilación de crise para regularizar os excedentes de viño

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, trasladou que a Xunta valora a posibilidade de mellorar as medidas de apoio ao sector existentes e mesmo analizar a viabilidade de novas, en relación coa DO Ribeira Sacra

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, sinalou que a aprobación do Pladiga se fará con total normalidade, dentro dos prazos habituais e sempre antes do inicio da época de alto risco, que coincide co verán

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

A Consellería do Medio Rural pedirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a autorización da destilación de crise para regularizar os excedentes de viño. Así o trasladou esta mañá o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, en resposta a unha pregunta sobre este asunto na Comisión 7ª do Parlamento. Ao mesmo tempo, afirmou que a Xunta valora a posibilidade de mellorar as medidas de apoio ao sector existentes e mesmo analizar a viabilidade de novas, en relación coa denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra.

Seguindo esta liña, reclamou a este Ministerio que Galicia reciba o mesmo trato que outras comunidades -que si que teñen autorizada a realización da destilación de crise-, co fin de xestionar adecuadamente os seus excedentes de viño, en particular nesta DO de Ribeira Sacra. Lamentou, neste sentido, a falta de sensibilidade e de apoio manifestada ata o de agora por parte do Goberno central para autorizar estas prácticas na nosa comunidade, cando si se permiten noutros territorios. De feito, por parte do Executivo central non se está a axudar para facelo posible e incluso se poñen trabas para conseguilo.

Cabarcos lembrou que o sector vitivinícola galego en xeral e o da Ribeira Sacra en particular teñen ao seu dispor un importante paquete de liñas de axudas que financian distintos aspectos desta actividade. Achegas para gastos de funcionamento dos consellos reguladores, para os programas de control, para promoción, para reestruturación e reconversión do viñedo ou para investimentos en adegas. Neste sentido, o director cuantificou en arredor de un millón de euros o montante total que recibe a Ribeira Sacra anualmente por estes conceptos.

Ademais, José Luis Cabarcos explicou tamén que o Plan Estratéxico da PAC contempla dous ecorréximes para terras con cultivos leñosos en terreos de elevada pendente e bancais. A maiores, dentro das medidas do segundo piar, existe unha intervención sobre compromisos agroambientais que pode servir tamén para financiar o viñedo en pendente. Nesta liña, José Luis Cabarcos anunciou que a Consellería do Medio Rural ten previsto facer unha maior divulgación destas axudas para que aquelas persoas potencialmente beneficiarias poidan aproveitalas e subliñou que xa hai interesados na Ribeira Sacra en percibir estas achegas.

En todo caso, o director sinalou que a Xunta é consciente do envellecemento dos titulares das explotacións e a falla de remuda xeracional nesta DO, polo que, precisamente, se estuda a mellora das medidas de apoio. Neste contexto, Cabarcos puxo en valor a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Sinalou que esta é unha folla de ruta para consolidar o sector do viño galego como un motor de desenvolvemento económico das comarcas vitivinícolas aproveitando as sinerxías e complementariedades entre as denominacións de calidade e entre a actividade agraria, o turismo, o patrimonio cultural e a paisaxe.

Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, sinalou que a Xunta presentará a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) correspondente ao 2024 na próxima reunión do Consello Forestal, prevista para a segunda quincena deste mes de maio.

Na súa intervención, o director xeral sinalou que, desta forma, a aprobación do documento farase con total normalidade, dentro dos prazos habituais e sempre antes do inicio da época de alto risco, que coincide co verán. Manuel Rodríguez lembrou que O Pladiga foi aprobado polo Consello da Xunta en maio de 2007 e o que se fai cada ano é dar luz verde á súa actualización, unha vez oído o Consello Forestal, mantendo a mesma estrutura do documento, pero incorporando novidades. Isto faise, engadiu, consonte ao establecido pola normativa vixente.

Neste sentido, Manuel Rodríguez recordou tamén que o Consello da Xunta xa aprobou, a mediados do pasado mes de abril, o Plan preventivo que forma parte do Pladiga e que estará en vigor ata marzo do 2025. Esta planificación preventiva contempla traballos en máis de 60.000 hectáreas de terreo, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo. O orzamento deste plan supera os 41 millóns de euros, o que representa un 6% máis con respecto ao anterior.

Data de actualización: 07/05/2024