Ana Ortiz destaca o “éxito rotundo” do novo módulo deportivo do Ifevi no que 9.600 escolares practicaron actividades no seu primeiro ano de funcionamento

A delegada territorial da Xunta visitou este martes as instalacións do Pavillón 5 do recinto feiral, que supuxo un investimento de preto de 9 millóns de euros

Preto de 250 alumnos de Primaria de seis centro escolares de Vigo participaron hoxe na iniciativa “Xogabadminton na escola”

Vigo, 8 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  destacou este martes o éxito do novo módulo deportivo do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), inaugurado hai pouco máis dun ano, durante unha visita ao Pavillón 5 no que preto de 9.600 escolares xa participaron en diferentes actividades (bádminton, atletismo e voleibol) desde a súa posta en funcionamento.

“Estamos ante un éxito rotundo desta nova infraestrutura no seu primeiro ano de vida, que ademais de ser campo de entrenamento para os atletas da área de Vigo, tamén é utilizado polo alumnado dos centros escolares”, sinalou Ortiz. Durante o percorrido polas instalacións, na que tamén estivo presente o xefe de servizo provincial de Deportes, Daniel Benavides, a representante autonómica puido comprobar o funcionamento do módulo deportivo.

Durante a xornada deste martes levouse a cabo no pavillon a actividade “Xogabadminton na escola”, na que participaron preto de 250 alumnos e alumnas de 3º de Primaria de seis centros escolares de Vigo: Pintor Laxeiro, O Pombal, Escultor Acuña, Lope de Vega, Montesol e Carmelitas. Ao longo do ano 2023 fixeron uso do Ifevi en horario lectivo aproximadamente 5.000 alumnos, mentres que nos primeiros meses de 2024  a cifra xa é de 4.600.

A instalación do equipamento do módulo de atletismo tivo un investimento de 312.547,32 euros. A isto hai que engadir o convenio aprobado por importe de 200.000 euros para o uso e mantemento, ademais da inversión de 8,3 millóns feita pola Xunta para construír o novo Pavillón 5.

A nova infraestrutura aportou un novo revulsivo ao recinto, xa que as instalacións deportivas teñen como obxectivo principal incrementar a potencialidade dos preto dun milleiro de atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo.

O módulo de atletismo inaugurouse en febreiro de 2023 grazas á segunda ampliación do Ifevi, que se suma á realizada en 2018, cun custo de máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta investiu no Ifevi preto de 24 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024