A Xunta amosa a súa decepción por que o Goberno só outorgue a metade dos fondos solicitados por Stellantis Vigo no Perte VEC II

Apunta que Stellantis solicitara neste perte 40M€ e só se lle asignaron por parte do Ministerio de Industria e Turismo 20M€ en axudas directas

Lembra que son 33.000M€ de pertes industriais que agora mesmo xestiona o Estado e, deles, soamente se teñen adxudicado o 30 por cento dos fondos e o 50 por cento está aínda sen convocar

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe a súa decepción coa resolución da segunda convocatoria do Perte VEC por parte do Ministerio de Industria e Turismo, porque concede soamente a metade do solicitado pola planta de Stellantis en Vigo. “Stellantis solicitara neste Perte VEC 40M€ e hoxe coñecemos que soamente se lle conceden por parte do Ministerio de Industria 20M€ en axudas directas”, os 9M€ restantes son da liña de préstamos, abondou.

Lorenzana lembrou que son 33.000M€ de pertes industriais que agora mesmo xestiona o Estado e, deles, “soamente se teñen adxudicado o 30 por cento dos fondos e o 50 por cento está aínda sen convocar”, precisou.

A conselleira, indicou que a Xunta está traballando co sector da automoción de Galicia nun plan director onde se lle vai dar financiamento a todas as empresas auxiliares para conseguir manter os 25.000 empregos que están ligados a este sector e á fábrica de Stellantis. Non obstante, engadiu, “reclamamos que o Goberno central libere estes fondos que teñen absolutamente capturados, que non están chegando ao tecido produtivo e recordamos que non é de recibo que a Xunta teña que poñer fondos propios para garantir todos estes empregos cando resulta que máis do 50 por cento deses 33.000M€ aínda están sen repartir”, concluíu.

Data de actualización: 08/05/2024