O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita a senda do río Tea, galardoada recentemente coa Bandeira Sendeiro Azul

Galicia conta con preto de 50 roteiros galardoados con esta distinción, das cales máis de 30 atópanse na provincia de Pontevedra

Reguera destacou o bo estado da Senda do Río Tea e animou a outros concellos a solicitar este distintivo para itinerarios que transcorren en plena natureza

Ponteareas (Pontevedra), 8 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Senda do Río Tea, no concello de Ponteareas, que foi distinguida coa Bandeira Sendeiro Azul.

Trátase dunha distinción outorgada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) co obxectivo de premiar a recuperación e posta en valor de percorridos e itinerarios naturais que axuden a conservar e potenciar a natureza.

De feito, cabe destacar que Galicia é unha das comunidades autónomas con máis bandeiras Sendeiro Azul, con 49 percorridos recoñecidos con esta bandeira de excelencia. Dentro de Galicia, sobresae a provincia de Pontevedra, que conta con 31 sendeiros na lista da Adeac.

O delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre as institucións para “potenciar os múltiples recursos naturais que temos en Galicia e coidalos para que todos os veciños e visitantes poidan gozar deles”.

Reguera realizou un pequeno tramo desta senda e asegurou que o criterio de Adeac “non pode ser máis acertado”. Nesta liña, concluíu a visita “animando a que moitos máis concellos opten a esta distinción, que mellora aínda máis se cabe a excelente reputación de Galicia como un destino turístico ideal para os amantes da natureza”.

Praias con bandeira azul

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024