Declaración Institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día de Europa

Como cada ano, o 9 de maio serve para lembrarnos que a Unión Europea naceu como un proxecto de integración para a paz e a prosperidade compartida, que aínda a día de hoxe, nun mundo cada vez máis convulso e conflitivo, persiste como faro mundial de valores fundamentais para garantir a dignidade humana, a convivencia e o progreso.

O Día de Europa é unha boa oportunidade para poñer en valor esta unión de nacións e os seus esforzos por superar cada novo desafío. As múltiples crises xurdidas nos últimos anos serviron para reafirmar as grandes prioridades definidas pola UE hai case 5 anos, ao inicio do ciclo institucional que agora finaliza, ao tempo que tamén arroxaron algunhas leccións clave. 

O Pacto Verde Europeo e a Axenda Dixital, como estratexias para o tránsito a un novo modelo de crecemento, permitiron dar grandes pasos cara a unha produción máis circular e eficiente, pero tamén deixaron claro que esta transición non pode deixar a ninguén atrás nin xerar novas desigualdades e que, para ser exitosa, debe ser socialmente xusta. De aí as múltiples iniciativas que se están poñendo en marcha para apoiar as rexións, sectores e persoas máis vulnerables. O Ano Europeo das Competencias, a creación dun Fondo de Transición Xusta ou a recente Declaración de La Hulpe sobre o reforzo do Piar Europeo de Dereitos Sociais pretenden avanzar nesta dirección. O Pacto Rural europeo ou a Alianza pola Cohesión, por outro lado, velan por unha Unión que responda ás disparidades territoriais, cunha mirada especialmente atenta aos retos da transición demográfica. Todas estas medidas, das que Galicia forma parte, han de permitir adaptar o ritmo desta evolución ás necesidades de todos.

A segunda grande ensinanza é a importancia de colaborar cos nosos socios internacionais, tecendo alianzas para afrontar retos comúns. Europa, e Galicia con ela, está firmemente comprometida con seguir desenvolvendo asociacións mutuamente beneficiosas no marco da nova estratexia Global Gateway, dende a convicción de que exportar o modelo europeo baseado na transición limpa e nos dereitos das persoas é unha boa maneira de avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a nivel global.

Nun contexto de cada vez maiores friccións e conflitos que poñen en perigo a nosa seguridade, é preciso reforzar a nosa voz e o noso papel no mundo. Esta é a terceira lección extraída destes últimos anos, polo que múltiples iniciativas tratan de fortalecer a seguridade económica europea, velando, por exemplo, pola subministración das materias primas esenciais ou fomentando a fabricación de tecnoloxías críticas en solo europeo. O obxectivo é construír unha Europa líder e soberana, que fortaleza a integración do seu mercado único, a súa capacidade de innovar e a súa autonomía estratéxica fronte a terceiros países. Este é o espírito tamén do pacto pola competitividade proposto o mes pasado polo Consello Europeo.

E por último, debemos ser conscientes da importancia de preservar o chamado “modo de vida europeo”, baseado na democracia, o Estado de Dereito e un conxunto de dereitos sen parangón no mundo. Dende Galicia estamos firmemente comprometidos con estes valores e co proxecto europeo como ferramenta imprescindible para facer avanzar a nosa sociedade.

Neste 9 de maio recollemos as leccións aprendidas, véndoas como oportunidades para que o faro europeo, símbolo dos nosos valores e identidade no mundo, continúe a alumear o camiño ante un futuro cada vez máis complexo e incerto.

Feliz Día de Europa!

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2024