O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración recibiu hoxe en Santiago de Compostela as persoas participantes na iniciativa

A Xunta pon en valor o éxito do programa reencontros con Galicia por traer este ano á comunidade a máis de 200 maiores de 65 anos residentes no exterior

Procedentes da Arxentina, O Brasil, Venezuela, O Uruguai, Cuba ou Perú, os participantes están aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta en Panxón e O Carballiño e regresan mañá, agás os que quedarán máis tempo para estar coa familia

José González destaca a traxectoria e boa acollida desta acción, que se fai todos os anos en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade e inclúe actividades de lecer e visitas culturais para reconectar coas raíces e o patrimonio galego

Salienta os lazos coa comunidade galega do exterior e a súa contribución ao desenvolvemento de Galicia, especialmente a das persas maiores, fundamentais para transmitir a idiosincrasia galega ás xeracións nacidas no exterior

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe en Santiago ás máis de 200 persoas participantes na edición deste ano do programa autonómico Reencontros con Galicia. Esta iniciativa facilita o contacto das persoas galegas do exterior maiores de 65 anos —nacidas en Galicia— coa Galicia actual e coas súas familias e neste caso proceden de países como A Arxentina, O Brasil, Venezuela, O Uruguai, Cuba ou Perú.

Alí o conselleiro salientou a traxectoria e a boa acollida desta acción, que se desenvolve todos os anos en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade. Neste sentido, durante a súa estadía —que comezou o pasado 7 de outubro e finaliza mañá— os participantes están aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e no Carballiño, espazo que lles permite seguir compartindo vivencias durante esta experiencia.

Así, neste tempo realizaron diversas actividades de lecer e visitas culturais a diferentes localidades que lles permiten reconectar coas súas raíces e co patrimonio cultural e natural de Galicia. Deste xeito, subliñou José González, a colectividade galega no exterior participa na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vínculos coa súa terra de orixe.

Ademais, destacou que algúns prolongarán a súa estadía uns días máis para estar coa familia e que hai participantes que a última vez que estiveron en Galicia foi hai máis de 75 anos, o que dá idea da emoción deste reencontro, subliñou. É o caso de María del Carmen, Dolores, Gloria e Francisco.

Nesta liña, incidiu na importancia de favorecer que poidan volver á súa terra e, en moitos casos, a reencontrarse cos familiares que non viron en moito tempo, así como coñecer de primeira man a Galicia moderna. Unha Galicia, incidiu, que é terra de oportunidades grazas ao traballo dos que viven nela e tamén das persoas que emigraron no seu día na procura dun proxecto de vida e que espallaron a galeguidade polo mundo. Neste contexto, destacou que as persoas maiores son fundamentais para transmitir a idiosincrasia galega ás xeracións nacidas no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026