A Xunta incorpora ao catálogo de árbores senlleiras o gran castiñeiro de Surribas, no concello do Irixo

Este exemplar de Castanea sativa Mill ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos

Con esta última incorporación, o catálogo suma xa no conxunto da Comunidade 194 elementos, entre árbores e formacións, pertencentes a 84 especies diferentes

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras o gran castiñeiro de Surribas, que se localiza na parroquia de Froufe do Concello do Irixo.

 

Este exemplar de Castanea sativa Mill, que está situado no monte comunal de Surribas, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos. Conta con 2 ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de musgo, que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural.

 

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

 

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables.

 

Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

 

Na actualidade, tras a inclusión do gran castiñeiro de Surribas, o Catálogo galego de árbores senlleiras sumará xa un total de 194 elementos (152 exemplares e 42 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución:

 

PROVINCIA

ÁRBORES

FORMACIÓNS

TOTAL

A Coruña

43

14

57

Lugo

35

7

42

Ourense

21

6

27

Pontevedra

53

15

68

Galicia

152

42

194

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024