A Xunta salienta a súa aposta pola recuperación do territorio para dinamizar o rural no encontro de Sober

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá neste evento, un foro económico centrado no rural galego que comezou onte e que rematará hoxe nesta localidade lucense

Santé, que participou na mesa redonda sobre Recuperación, desenvolvemento e emprendemento no ámbito rural, salientou algunha das iniciativas que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural neste eido

Así, destacou os resultados acadados a través do programa Leader executado en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están espallados por toda a comunidade autónoma

Sober (Lugo), 10 de maio de 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá no Encontro de Sober, un foro económico centrado no rural galego que comezou onte, coa inauguración a cargo da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e que rematará hoxe nesta localidade lucense. Santé participou na mesa redonda sobre Recuperación, desenvolvemento e emprendemento no ámbito rural.

Durante a súa intervención, a directora xeral salientou algunha das iniciativas que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural neste eido. Destacou os resultados acadados a través do programa Leader executado en colaboración cos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están espallados por toda a comunidade autónoma. Inés Santé definiunos como un bo exemplo “das iniciativas e novas ideas que hai no rural” e da “calidade dos proxectos impulsados”.

No período 2014-2023 o programa Leader supuxo a mobilización de máis de 169 millóns de euros no rural galego, cunha axuda pública de 84,9 millóns, o que permitiu a creación de preto de 1.000 postos de traballo e a consolidación de máis de 3.256. Lembrou tamén que a última convocatoria estivo dotada con 15,3 millóns que permitiron apoiar 318 proxectos.

Con respecto ao desenvolvemento económico nas áreas rurais, Inés Santé sinalou as dúas principais liñas de actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, centradas no aproveitamento do territorio galego con actividade agraria a través dos instrumentos implementados mediante a Lei de recuperación. Para conseguilo, a Consellería do Medio Rural está a facilitar o acceso á terra para poñela en produción, co fin de xerar actividade económica vencellada ao sector agrario e fixar poboación no rural.

Por outra banda, a Axencia impulsa tamén aquelas actividades non agrarias a través de diferentes liñas de achegas co fin de mellorar e ampliar os servizos públicos e as empresas destas zonas. Seguindo esta liña, destacou o Bono Activa Rural, unha das novidades que se incorporarán no próximo programa Leader. Será de utilidade para os autónomos e as pequenas empresas rurais e poderá ser concedido polos GDR e está destinado a aquelas persoas que inicien unha nova actividade económica, non agrícola, no medio rural.

Apoio ao emprendemento

Os Espazos Agrarios de Experimentación constitúense, segundo definiu a súa directora xeral, como “viveiros para empresas” que precisen base territorial e instalacións agrícolas. Estes espazos estanse a crear en lugares que contan con algún dos instrumentos impulsados a través da Lei de recuperación da terra agraria.

O primeiro será na aldea modelo de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda, onde se destinarán 160.000 euros para a construción de invernadoiros, instalacións de rego e parcelas pechadas e acondicionadas para o cultivo. A directora xeral explicou que o fin último destes espazos é que os mozos emprendedores poidan desenvolver unha actividade hortícola e de gandaría en extensivo, así como de transformación dos produtos obtidos nas súas explotacións -con todas as garantías-. No caso concreto de Muimenta, estará destinado á agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta. 

Infraestruturas rurais e novas tecnoloxías

A mellora das infraestruturas viarias rurais é outro dos principais obxectivos. Por iso, cada ano publícase unha convocatoria do Plan Marco, na que cada concello ten unha axuda máxima asignada en función a diferentes criterios técnicos. Estas achegas contan neste 2024 cun orzamento de preto de 20 millóns de euros, ao que hai que engadir o presuposto do Plan de Infraestruturas Rurais e o novo Plan de Rehabilitación de camiños de concentracións parcelarias. En total, a suma ascende a máis de 30 millóns de euros anuais para este fin.

Co obxectivo de impulsar novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a calidade de vida e favorecer a actividade económica, fundamentalmente vencellada ao sector primario, a Xunta puxo en marcha o proxecto de Compra Pública de Aldeas Intelixentes que conta con 5 millóns de euros de fondos propios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024