A delegada territorial en Ferrol visitou na Fundación Laboral de la Construción aos alumnos dun curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas

A Xunta financia con máis de 3,7 M€ un total de 80 accións formativas para persoas desempregadas na área de Ferrolterra

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración oferta máis de 37.000 horas formativas nun total de 13 entidades da zona 

Narón (A Coruña), 13 de maio de 2024

A Xunta financiará con máis de 3,7 M€ un total de 80 cursos formativos que se imparten nas anualidades 2023 e 2024 en 13 centros ou entidades de formación acreditados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas). Así o avanzou esta mañá a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada ás instalacións da Fundación Laboral de la Construcción, no polígono Río do Pozo, onde se desenvolve un curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión. 

Durante a visita na que estivo acompañada pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción, Alejandra Gesto, Aneiros tivo a oportunidade de intercambiar impresións cos 10 alumnos do curso que están levando a cabo a súa formación neste centro. Fundación Laboral de la Construcción, como centro acreditado para impartir formación profesional para o emprego en Galicia e beneficiario da convocatoria autonómica, imparte un total de cinco cursos nesta convocatoria. Actualmente ten en marcha o de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión e outro de soldadura con electrodo que imparte en horario de tarde a outros 13 alumnos.

A delegada territorial explicou que dos 3,7 M€ de investimento que esta convocatoria deixará na comarca, 2,1 corresponden coa anualidade de 2023 e 1,5 coa de 2023. En total, impartiranse 37.580 horas formativas. 

“A Xunta segue apostando pola financiación de accións formativas destinadas á cualificación profesional das galegas e dos galegos, con prioridade para os que se atopan en situación de desemprego”, indicou a la delegada, “o que se procura é mellorar tanto a cualificación profesional dos alumnos como a competitividade das empresas”.

As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas; ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos; e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024