Alfonso Villares aborda co alcalde de Ponteceso posibles actuacións no espazo portuario de Corme

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, para abordar novas vías de colaboración así como estudar posibles actuacións de mellora nos espazos portuarios deste concello coruñés. O titular de Mar tratou co rexedor da localidade as necesidades existentes na actualidade no porto de Corme e trasladou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando na progresiva mellora dos recintos portuarios. Nesta liña puxo en valor o traballo que se vén realizando desde Portos no mantemento e modernización de toda a rede autonómica que abarca 122 peiraos espallados por toda a costa galega.

Un exemplo deste labor é o Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030, onde se recolle a estratexia para o que resta de década en materia de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. O documento reflicte un conxunto de actuacións a realizar tanto polo sector como pola Xunta e que conta a partir deste ano con máis de 34,7 millóns de euros en recursos, onde o 70 % veñen da man do novo Fondo europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e o resto (dez millóns de euros) serán fondos propios da Consellería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024