María José Gómez coñeceu as actuacións no monte veciñal en man común de Parada dos Montes, neste concello lucense

A conselleira do Medio Rural pon en valor as axudas para o fomento do castiñeiro, con 1,3 M€ para 2023 e 2024, nunha plantación na Pobra do Brollón

A titular de Medio Rural salientou que o orzamento destas achegas medra un 30% respecto da aprobación da anterior convocatoria, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Sinalou que con esta iniciativa dáse continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e máis concretamente á convocatoria de 2023, aprobada por preto de un millón de euros e que permitirá plantar case 20.800 castiñeiros para froito

Subliñou que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, absorbendo máis da metade do total nacional

A actuación na Pobra do Brollón abrangue 7,58 hectáreas e permitiu plantar un total de 758 exemplares de castiñeiro enxertado coa variedade De Parede, cos seus respectivos protectores de planta e a achega de recursos hídricos, por importe de 30.000 euros

A Pobra do Brollón (Lugo), 14 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor as axudas para o fomento do castiñeiro que hoxe mesmo publica o Diario Oficial de Galicia e que teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros. Fíxoo durante a súa visita á plantación destas árbores no monte veciñal en man común de Parada dos Montes, no municipio lucense da Pobra do Brollón. Neste acto, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Nesta liña, a conselleira salientou que o orzamento destas achegas medra un 30% respecto da aprobación da anterior convocatoria e que os investimentos enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Destacou ademais que a iniciativa alíñase co Plan Forestal de Galicia e co Programa Estratéxico do castiñeiro.

Neste sentido, María José Gómez explicou ademais que destas subvencións poderán beneficiarse as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais, tanto os propietarios como os arrendatarios ou xestores. Sinalou, a maiores, que con esta iniciativa dáse continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos pola Xunta nesta materia. Referiuse, máis concretamente, á convocatoria de 2023, aprobada por preto de un millón de euros e que vai permitir a plantación de case 20.800 castiñeiros para froito na nosa comunidade.

Actuación na Pobra do Brollón

Sobre a actuación concreta neste concello lugués da Pobra do Brollón, a conselleira puxo de relevo que abrangue 7,58 hectáreas e que permitiu plantar un total de 758 exemplares de castiñeiro enxertado coa variedade De Parede, cos seus respectivos protectores de planta e coa achega de recursos hídricos, todo isto cun orzamento de preto de 30.000 euros. A iniciativa, lembrou María José Gómez, ten como finalidade repoñer a riqueza forestal nunha área afectada polos incendios forestais de xullo do 2022.

En relación co castiñeiro, a conselleira indicou que está considerado unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia desde o punto de vista da alimentación tanto humana como de animais domésticos ou de fauna silvestre, así como tamén polo seu valor madeireiro.

Do mesmo xeito, a conselleira puxo en valor a positiva incidencia do ecosistema creado nos soutos desde o punto de vista turístico e paisaxístico, así como a súa importancia ambiental, xa que actúa como elemento de defensa contra os incendios forestais, de protección do solo ou como hábitat para a proliferación doutras especies animais e vexetais que poden ser compatibles dentro destes espazos.

Neste contexto, Gómez subliñou ademais que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, absorbendo máis da metade do total nacional. Ese volume de produción anual tradúcese nun impacto económico a nivel autonómico de máis de 20 millóns de euros pagados aos produtores, xerando un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformada.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240514/AnuncioG0426-300424-0003_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2024