A Xunta publica no DOG a convocatoria en maio, xuño e xullo dos titulares dos terreos necesarios para executar as obras da mellora da capacidade e seguridade da LU-540 entre Viveiro e Cabreiros

O levantamento das actas previas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto terá lugar os días 28 e 29 de maio en Viveiro; o 30 de maio en Ourol; o 4 de xuño en Muras e o 5 de xuño en Xermade

En xullo terá lugar a formalización das actas de ocupación, os días 8 e 9 en Viveiro; o 10 de xullo en Ourol; o 11 de xullo en Muras e o 12 de xullo en Xermade

A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é iniciar a primeira fase dos traballos, entre os quilómetros 5 e 20+090 desta vía autonómica, nos municipios de Viveiro e Ourol, neste verán, cun prazo de execución de 24 meses

As actuacións de acondicionamento da vía autonómica, que se dividirá en dúas fases, suporán un investimento global de 15 M€

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, nos meses de maio, xuño e xullo, dos titulares dos terreos necesarios para executar as obras de acondicionamento da estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros. 

Esta actuación, na que a Xunta de Galicia investirá un total de 15 M€, permitirá o a mellora da capacidade desta vía autonómica en sentido Viveiro-Lugo, que se abordará en dúas fases, aínda que as expropiacións cobren o trazado completo nos concellos de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

Así, o DOG recolle hoxe este anuncio polo que se convocan os actos para o levantamento de actas previas á ocupación os días 28 e 29 de maio, entre as 09.00 e as 13.30 horas, na sala multiusos do Concello de Viveiro. Continuarán o día 30 no salón de plenos do Concello de Ourol, onde se desenvolverán entre as 09.00 e as 12.30 horas; e o día 4 de xuño no salón de plenos do Concello de Muras, de 09.00 ás 12.30 horas. Rematarán o 5 de xuño na biblioteca pública municipal de Xermade, de 09.00 ás 13.00 horas.

Posteriormente, o acto da formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 8 e 9 de xullo na mesma sala multiusos do Concello de Viveiro; o día 10 no salón de plenos do Concello de Ourol; o día 11 no salón de plenos do Concello de Muras e o 12 na biblioteca pública municipal de Xermade. En todos os casos, o horario será de 09.00 ás 13.30 horas.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240514/AnuncioG0181-250424-0001_gl.html

Cómpre lembrar que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten en marcha a primeira das fases construtivas desta actuación, na que vai investir 8,2 millóns de euros e que ten un prazo de execución de 24 meses. O proxecto atópase en fase de contratación e a Xunta recibiu 11 ofertas para executar estes traballos, que se desenvolverán no treito da estrada LU-540, situado entre os quilómetros 5 e 20+090, ao paso polos municipios de Viveiro e de Ourol, cun total de 146 predios afectados. Das citadas 11 ofertas, 6 están conformadas por UTE, o que suma un total de 17 empresas. A tramitación en paralelo dos procedementos de adxudicación da obra e de expropiación ten como obxectivo o inicio das obras en verán.

No que se refire á segunda fase do proxecto, os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 20+090 e o 39+520, nos concellos de Muras e de Xermade. Neste treito, as actuacións centraranse no aumento da capacidade da vía nalgúns tramos en rampla, mediante a incorporación dun carril adicional para vehículos rápidos, reducindo a distancia entre os treitos de adiantamento contiguos.

A actuación na LU-540 permitirá reducir o tempo de viaxe e aumentará a seguridade no traxecto entre Viveiro e Lugo, con carrís de adiantamento, rectificación de curvas, reforma de interseccións e renovación do firme de todo o treito. Esta intervención fará posible que en todo o trazado se permita circular a 90 km/h.

A Xunta segue avanzando nos obxectivos da actuación de reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis cómodos e eficientes.

Data de actualización: 14/05/2024