Lorenzana pon en valor a implicación do tecido empresarial no fomento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética

A conselleira de Economía e Industria visitou esta mañá o aloxamento La Curia, beneficiario do programa de renovables térmicas para diferentes sectores da economía galega, onde lembrou que o prazo para solicitar este apoio permanece aberto ata o vindeiro 31 de xullo

Pontevedra, 18 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Pontevedra o aloxamento La Curia, beneficiario da convocatoria de axudas para proxectos de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e administracións públicas. Unha convocatoria de concorrencia non competitiva que apoia o uso de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica. O prazo para solicitalas permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xullo.

Lorenzana explicou que grazas a estas axudas, que acadan un 35 % no caso de grandes compañías, un 40 % para as medianas e un 45 % no caso das pequenas, La Curia levou a acabo a implantación dun sistema de auga quente sanitaria a través da instalación de enerxía solar térmica. Unha medida que lle está a permitir tanto un aforro na factura como unha mellora na eficiencia e sustentabilidade. Para Lorenzana exemplos como o de La Curia son unha mostra clara da implicación do tecido empresarial galego no fomento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética e do compromiso do Goberno da Xunta para reducir os custos enerxéticos, contribuír á dinamización económica e colaborar na transición ecolóxica.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) impulsa este programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. O orzamento global da convocatoria é de 12,3 millóns de euros e ata a data se levan concedidos apoios por un importe superior aos 8 millóns de euros. 

As convocatorias da Xunta de Galicia para impulsar as enerxías renovables en empresas, administracións e mesmo para a cidadanía en xeral se enmarcan dentro da Estratexia Galega de Cambio climático e enerxía 2050 e a Axenda Enerxética de Galicia 2030, unha folla de ruta cunha dotación orzamentaria para o período 2022-2024 de 633 millones de euros que prevé mobilizar 1.562,6 millóns de euros para avanzar cara a unha Galicia máis verde e sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2024