O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse co presidente da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal)

A Xunta remarca o traballo dos centros especiais de emprego de Galicia na inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral ordinario

Neste novo encontro no marco do proceso de diálogo aberto con diferentes axentes, José González destacou os 131 centros especiais de emprego (CEE) activos en Galicia

Agradeceu o labor de Cegasal no impulso destas entidades, que buscan proporcionar ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo con servizos de axuste persoal e social, facilitando a súa integración no mercado laboral ordinario

Amosou o seu apoio á asociación no marco da tramitación da nova lei estatal de economía social, para a que xa presentaron as súas achegas 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantivo hoxe un encontro co presidente da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), Herminio Martínez, no marco do proceso de diálogo aberto cos diferentes axentes implicados na xeración de emprego na Comunidade. Na xuntanza, púxose en valor o incremento dos centros especiais de emprego (CEE) nos últimos anos, ao tempo que se reafirmou o apoio da Xunta á súa aposta pola xeración de riqueza e pola inclusión.

En concreto, o número de CEE aumentou un 18% desde 2020, pasando dos 111 aos 131 actuais. José González agradeceu o labor de Cegasal no impulso destas entidades, que avanzan -dixo- na integración laboral das persoas con discapacidade no sistema produtivo, constituíndo unha saída para exercer o seu dereito ao traballo remunerado mediante un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado laboral ordinario.  

Na xuntanza, tamén se abordou a tramitación da nova lei estatal de economía social, para a que Cegasal xa presentou as súas achegas. O titular de Emprego amosou o seu apoio ás súas demandas co propósito de afianzar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.

Apoio á economía social

Nese senso, cómpre recordar que a Xunta ten en marcha a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, que persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.

Para seguir dándolle pulo á economía social, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta neste 2024 cun orzamento de 43,6 millóns, un 3% máis que no último exercicio. No que vai de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns en axudas para apoiar a creación e consolidación de negocios ao abeiro deste ecosistema económico e para impulsar o emprego inclusivo, sendo a máis cuantiosa a dirixida a centros especiais de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024