Belén do Campo reúnese con novo comodoro do Real Club Naútico da Coruña

A delegada da Xunta coñeceu de primeira man os proxectos e competicións deportivas que acollerá esta entidade ao longo do 2024  

A Coruña, 22 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, entrevistouse esta mañá co recentemente elixido comodoro do Real Club Náutico da Coruña, Jaime Araújo. A representante do Goberno galego desexoulle boa sorte nesta nova etapa que inicia á fronte dun dos clubs deportivos de referencia na cidade da Coruña.

O Real Club Náutico da Coruña foi fundado en 1926 para o fomento e a promoción dos deportes náuticos, segundo recolle a súa acta fundacional e desde esa data é un punto de encontro para todos os amantes do mar. No encontro a delegada coñeceu de primeira man os proxectos e as competicións deportivas que se celebrarán ao longo deste ano, entre as que destacan varias de nivel nacional que terán lugar entre finais de maio e principios de xuño.

Belén do Campo tamén felicitou ao máximo responsable da entidade porque, un ano máis, o Real Club Náutico contará coa bandeira azul nas súas instalacións o que acredita o seu esforzo pola limpeza das augas, a xestión ambiental, a seguridade e  a calidade de servizos nas instalacións. O club recibe este galardón de maneira continuada desde hai 20 anos, o que demostra o seu compromiso no eido medioambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024