A conselleira do Medio Rural explicou esta e outras novidades do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais, co gallo da convocatoria do Consello Forestal

O Pladiga 2024 incorpora por primeira vez seis novos vehículos polivalentes, que poden realizar tanto labores preventivas como de extinción

María José Gómez destacou tamén a creación de ata 44 novos puntos de auga para a recarga de medios de extinción e puxo en valor a entrada en servizo da nova base de medios aéreos transfronteiriza de Verín-Oímbra

O dispositivo galego estará de novo integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, apoiados por unha trintena de medios aéreos e 380 motobombas

Boqueixón (A Coruña), 23 de maio de 2024

O dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta contará este ano, por primeira vez, con seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que poden realizar tanto labores preventivas como de extinción. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, co gallo da súa participación na reunión do Consello Forestal de Galicia, que entre outros asuntos coñeceu as actualizacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2024.

 

Este documento contempla entre as súas novidades a adquisición destes vehículos autopropulsados, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.

 

Outra das novidades do Pladiga 2024 que foi destacada pola conselleira é a creación de ata 44 novos puntos de auga para recarga de medios aéreos e terrestres. Deles, 24 serán construídos directamente pola Xunta e os 20 restantes poranse en funcionamento a través de subvencións para comunidades de montes veciñais en man común.

 

Ademais, María José Gómez puxo tamén en valor a entrada en servizo da nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra, que -salientou- mellorará sensiblemente a operatividade na zona fronteiriza con Portugal.

 

Medios do Pladiga

A maiores destas novidades, sobre os medios humanos e materiais do Pladiga 2024, a conselleira sinalou que o dispositivo estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Destacou, neste eido, que este ano aplícase xa de xeito efectivo o aumento do tempo de traballo de parte do persoal laboral, que pasa a actuar durante sete meses, un mes máis que en 2023, de maneira que dous terzos dos profesionais anti incendios da Xunta xa están operativos todo o ano e o terzo restante chegará a facelo durante nove meses no horizonte de 2026.

 

Con respecto aos medios materiais, María José Gómez explicou que un ano máis se contará con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado, así como con preto de 380 motobombas. En relación con estes vehículos, a conselleira lembrou que hai uns días se entregaron 18 novas unidades a 15 distritos forestais.

 

A modo de resumo, todas estas medidas inciden na mellora da loita contra o lume, tanto a nivel preventivo como de extinción, cun traballo permanente e planificado a través do Pladiga. A maiores, a titular de Medio Rural puxo en valor o traballo do dispositivo galego, que cualificou como un referente a nivel nacional e mesmo internacional e cuxa profesionalidade e esforzo volveu agradecer.

 

O Pladiga, cuxas actualizacións agora deben ser aprobadas polo Consello da Xunta, estrutúrase en varios plans específicos, como son o de prevención (xa informado polo Goberno galego o pasado día 15 de abril); o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024