A Xunta debulla ante o empresariado de Lugo as axudas á disposición das persoas traballadoras autónomas e pemes

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participaron nunha nova xornada organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia

Fernández fixo fincapé na cota cero dispoñible para novas altas de autónomos durante os primeiros doce meses -entre outros apoios con prazo de solicitude aberto- ou o programa de 1ª experiencia profesional publicado onte no DOG

A directora do Igape destacou a liña de préstamos destinada a autónomos e pemes para acceder a financiamento nas condicións máis vantaxosas e a nova liña para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-

Lugo, 23 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta tarde en Lugo nunha xornada informativa das axudas da Xunta dirixidas a persoas traballadoras autónomas e pemes organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia (APE). Alí, o secretario xeral fixo especial fincapé en medidas novidosas como a cota cero dispoñible para novas altas de persoas traballadoras autónomas ou o programa de 1ª experiencia profesional publicado onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) para incentivar a contratación de menores de 30 anos desempregados e que forma parte do compromiso “Galicia cumpre” para os primeiros 100 días de lexislatura.

Canto á cota cero, trátase dunha partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os doce primeiros meses de actividade. Con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro, forma parte dos 28,9 millóns convocados para, ademais, financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia.

Sobre o programa de 1ª experiencia profesional, o prazo de solicitude para as empresas tamén se prolonga ata o 30 de setembro, cun orzamento global de case 4,2 millóns e contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada co gallo de facilitar o seu acceso ao mercado laboral. A previsión é apoiar a empregabilidade de entre 250 e 410 menores de 30 anos mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoos de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais referiuse a máis axudas. Por exemplo, recordou que ata o 28 de xuño pódense solicitar as achegas que cun orzamento de 6,5 millóns de euros beneficiarán as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, para impulsar o emprendemento mediante o financiamento dos custos de adquisición de equipamento informático ou para eficiencia enerxética.

Mirando ás persoas traballadoras autónomas, Pablo Fernández referiuse a dous programas de axudas que suman 9,5 millóns: para que traballadores autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva e para os profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade. Así mesmo, entre outros, o Goberno galego habilitou 1 millón de euros para que os autónomos con persoas ao seu cargo poidan contratar alguén que os substitúan no traballo ou poidan recorrer a servizos de coidado.

Por último, o secretario xeral referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que ten xa 13 centros activos en toda Galicia, á espera de que se inauguren dous máis. No marco deses Polos, segundo dixo, estase a impulsar un Plan de remuda para garantir a continuidade do tecido produtivo galego e véñense de publicar microguías de emprendemento para orientar na apertura de negocios. Tamén se puxo en marcha un Mapa de emprendemento que reúne todos os axentes territoriais e servizos ao dispor dos emprendedores da Comunidade. 

Na súa intervención, non quixo esquecerse da economía social e do pulo a esta fórmula que supón a Rede Eusumo, que fomenta o espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

Medidas para pemes

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, afondou nas liñas que o seu departamento ten á disposición do tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos, entre as que destacou distintos programas activados xa desde comezos de ano en internacionalización e financiamento.

 

Toca Carús destacou que, un ano máis, a Xunta ten activada a liña de préstamos destinada a autónomos e pemes para acceder a financiamento nas condicións máis vantaxosas, a través de operacións que financian investimento e circulante, ou refinancian préstamos anteriores que materializaron en condicións menos vantaxosas.

 

A este programa, afondou, súmaselle a convocatoria da liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial, e que conta cun dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

 

Por último, a directora salientou que a Xunta de Galicia vén de abrir dúas liñas dirixidas a autónomos e pemes: por unha banda, unha nova convocatoria das axudas para proxectos de transformación dixital e, por outra, unha novidosa liña para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024