O matadoiro móbil da Consellería do Medio rural, pioneiro en España, mellora a rendibilidade das explotacións e o benestar animal

Así o valorou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento

Indicou que o matadoiro está sendo moi ben valorado polos usuarios, que destacan a enorme facilidade para solicitar e recibir a prestación e o gran aforro en custos de desprazamento, a mellora no benestar animal e a gran calidade das canais obtidas

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

O matadoiro móbil da Consellería do Medio Rural é un servizo pioneiro en España e na maioría dos países da UE, que ten como principal vantaxe a de achegar o sacrificio ás explotacións optimizando así a súa rendibilidade, ao tempo que melloran tamén as condicións de benestar animal. Así o valorou esta tarde o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.

O director xeral indicou que este servizo está sendo moi ben valorado polos usuarios, que destacan por unha banda a enorme facilidade para solicitar e recibir a prestación, a carón da propia explotación, e por outra parte o gran aforro en custos de desprazamento, a mellora no benestar dos animais e a gran calidade das canais obtidas.

Nesta liña, Balseiros puxo en valor o carácter “absolutamente pioneiro” deste servizo, xa que se trata do único matadoiro móbil público existente en España e dos primeiros na Unión Europea. Explicou ademais que se puxo en marcha porque en Galicia existen un gran número de pequenas explotacións gandeiras con sistemas de crianza tradicional e extensiva, que xeran produtos dunha enorme calidade. Porén, moitas delas están situadas en zonas de montaña, afastadas dos grandes núcleos de poboación e da maior parte dos matadoiros e das industrias cárnicas.

Ademais, o director xeral sinalou que o servizo pode solicitarse ou ben no teléfono 982 25 12 01, operativo de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, ou vía web, a calquera hora do día, mediante a cobertura dun formulario dispoñible na Oficina Virtual de Medio Rural, no enderezo https://ovmediorural.xunta.gal/gl/tramites/matadoiro-mobil.

Saneamento gandeiro

En resposta a outra pregunta, centrada no saneamento gandeiro, Balseiros trasladou que os métodos diagnósticos oficiais fronte á tuberculose bovina, tanto a nivel de campo como no laboratorio, están recollidos expresamente na normativa nacional e comunitaria, e son os únicos que Galicia pode utilizar. Ademais, subliñou que estas ferramentas diagnósticas, recollidas na lexislación, son froito de anos de investigación e estudo da epidemioloxía da infección e están verificadas polo laboratorio europeo e nacional de referencia desta enfermidade. O director xeral engadiu que todos os países da UE actualmente libres de tuberculose bovina acadaron este estatuto co uso das devanditas ferramentas diagnósticas.

Ademais, avogou por traballar no fortalecemento da bioseguridade das explotacións na nosa comunidade, no fomento da recría na explotación, na inclusión das granxas en asociacións de defensa sanitaria gandeira e na non extrapolación de situacións e problemas alleos doutras áreas a Galicia como fórmulas para seguir mellorando no eido do saneamento gandeiro.

Plan estratéxico da horta en Galicia

Con respecto ao Plan estratéxico da horta en Galicia, Balseiros indicou que este programa nace co fin de seguir potenciando o sector, que no ano 2019 acadou un valor económico de 666 millóns de euros (un 17,50% sobre o total da produción da actividade agrícola). Avogarase tamén pola recuperación e potenciación das producións tradicionais, que axudarán a recuperar terra abandonada e a contribuír á loita contra o despoboamento no rural. Todo isto, apostando pola sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer ao mercado produtos frescos e transformados saudables, xerando valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento no territorio.

Neste sentido, porase en valor a investigación neste eido, salientando o traballo levado a cabo polo Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que alberga unha das coleccións máis importantes do noroeste peninsular, con máis de 4.400 entradas de millo, variedades pratenses, froiteiras, cereais de inverno e horta. Balseiros definiu este banco como “un tesouro” a potenciar e aproveitar.

Avespa velutina

Por último, en resposta a unha pregunta sobre a previsión de control e erradicación da velutina, José Balseiros resaltou o importante traballo que está a desenvolver o Goberno autonómico a través do trampeo controlado e xeolocalizado, que permite dispor de información e presenza real sobre o territorio galego. Mediante a colaboración coa Universidade de Vigo, esa información facilitará a elaboración de estudos para mellorar técnicas e sistemas para o control e erradicación desta especie invasora. Balseiros explicou que o trampeo se iniciou en marzo deste mesmo ano (coincidindo coa entrada da primavera) co fin de capturar raíñas. De seguido, o director xeral incidiu en que a instalación das trampas superará as 20.000 localizacións distintas e tomarán de referencia a localización dos niños retirados o ano anterior.

Por último, lembrou o Programa de Vixilancia e Control da Vespa Velutina en Galicia, posto en marcha en colaboración coa administración local e con representantes do sector apícola, e ao que están adheridos a totalidade dos concellos galegos. No marco deste Programa organizáronse reunións informativas cos concellos a través da Fegamp e estanse a realizar reunións informativas para os cidadáns e os sectores afectados, facendo fincapé na importancia da localización dos niños e como actuar de xeito seguro ante a presenza da avespa velutina.

Data de actualización: 23/05/2024