O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe no mercado de Ourense na celebración da campaña internacional Quere o teu mercado

José González reafirma no Día do Mercado de Galicia o pulo da Xunta para potenciar as prazas de abastos e sinala que son clave para dinamizar o emprego local

Salienta que a Xunta traballa para darlle ao comercio de proximidade a relevancia que se merece e avanza a convocatoria en verán das axudas a concellos e asociacións de comerciantes para a mellora de instalacións e equipamentos

Sinala que o Goberno autonómico aposta “con contundencia” por garantir as condicións óptimas de accesibilidade e adecuación das instalacións das prazas, favorecendo a celebración de actividades complementarias

O titular de Emprego, Comercio e Emigración incide na colaboración máxima da Xunta cos praceiros de Ourense e aposta pola creación dunha comisión de seguimento supramunicipal para dar saída ás obras da Praza de Abastos número 1

Ourense, 25 de maio de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe na celebración do Día do Mercado o pulo que a Xunta está a darlle ás prazas de abastos de Galicia, sinalando que son espazos dinamizadores da economía local e xeradores de emprego.

González, que estivo acompañado entre outros polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiu ao mercado da capital ourensá para celebrar esta xornada que coincidiu co desenvolvemento da campaña internacional Quere o teu mercado, na que en Galicia están a participar 900 profesionais e 41 prazas, entre elas a de Ourense. A iniciativa busca promover os mercados e prazas de abastos, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade e a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros, en liña cos programas autonómicos que se están a executar neste eido.

Ao respecto, o conselleiro destacou que o Goberno galego aposta “con contundencia” por potenciar as prazas garantindo as condicións óptimas de accesibilidade e adecuación das súas instalacións, favorecendo tamén a celebración de actividades complementarias. Así, impulsará nesta nova etapa o Selo de Mercado Excelente co que o Goberno galego recoñece ás prazas de abastos e mercados que están a responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado.

En palabras de González, estes aspectos permitirán aos mercados galegos unha diferenciación e identificación, a potenciación da actividade comercial e o incremento do seu atractivo e interese turístico.

Comercio de proximidade

Tamén apuntou que a Xunta quere darlle ao comercio de proximidade a relevancia que se merece poñendo a disposición dos profesionais os programas que precisen para, entre outros, apoiar a súa actividade e garantir o relevo xeracional. Neste senso, lembrou que os Centros Comercias Abertos poden solicitar desde hoxe mesmo as axudas destinadas ás actividades de dinamización destas asociacións de comerciantes, uns apoios que están dotados este ano con 2,25 millóns de euros.

Avanzou, así mesmo, que en verán sairá publicada a nova convocatoria de axudas a concellos e asociacións de comerciantes para a mellora de instalacións, equipamentos e para o desenvolvemento de actuacións de dinamización.

Garantir a viabilidade dos negocios, a remuda das actividades e a fidelización da clientela son tamén obxectivos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración nesta nova etapa co fin de axudar ao sector para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado, xa que, segundo José González, a innovación e a dixitalización son hoxe en día claves para o éxito.

Praza de Abastos número 1 de Ourense

Na súa intervención, o conselleiro referiuse tamén á situación da Praza de Abastos número 1 de Ourense e, ao respecto, insistiu na colaboración máxima da Xunta neste proceso para adecuar o reformado mercado ás súas necesidades operativas, garantindo o traslado dos praceiros dende o mercado provisional ao edificio histórico -que precisamente cumpre 100 anos en 2024- nas mellores condicións.

González sinalou que é un proxecto “absolutamente fundamental” para o futuro da cidade de Ourense. Para iso, incidiu en que o Goberno autonómico aposta pola creación dunha comisión de seguimento supramunicipal na que formen parte Xunta, Concello e praceiros, apelando ao diálogo para dar unha solución “polo ben de Ourense”.

Para rematar, o titular de Emprego, Comercio e Emigración agradeceu a todas as entidades que están a participar hoxe na celebración do Día do Mercado e da campaña Quere o teu mercado, xa que con estas iniciativas dixo que se contribúe a darlle aos mercados galegos o lugar que se merecen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2024