A Xunta somete a información pública a aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Lobeira
O prazo de consulta e presentación de alegacións é de dous meses contados a partir deste martes 30 de xullo, trala publicación no Diario Oficial de Galicia
O de Lobeira é o décimo quinto concello de Galicia, e o sétimo da provincia de Ourense, en dotarse desta ferramenta para impulsar unha ordenación urbanística responsable
O Plan de Lobeira, que conta cunha poboación de 768 habitantes, establece un total de 27 núcleos rurais repartidos en 8 parroquias, e identifica e cataloga 229 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico
A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais e está a traballar noutros 20, entre os que se inclúe o de Lobeira, destinando un orzamento total de preto de 2 M€
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inicia o proceso de información pública da aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) do Concello de Lobeira. Trala publicación do anuncio este martes 30 de xullo no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas teñen un prazo de dous meses para consultar o documento ou presentar alegacións.
Lobeira é o décimo quinto concello de Galicia en obter a aprobación inicial do Plan Básico Municipal, e o sétimo da provincia en superar este trámite. Trátase dun instrumento de planeamento urbanístico para municipios de menos de 5.000 habitantes que non conten cun planeamento xeral e que permite impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible, para garantir un territorio ordenado.
O plan do municipio de Lobeira, que conta cunha poboación de 768 habitantes, establece un total de 27 núcleos rurais repartidos nun total de 8 parroquias, 15 tradicionais e 12 que combinan partes tradicionais e comúns.
A maiores, o PBM de Lobeira tamén identifica e cataloga os 229 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico, nos que se inclúen seis escudos asociados a outros elementos do catálogo como bens de interese cultural de tipo arquitectónico declarados Ben de Interese Cultural (BIC); oito son bens de interese cultural de tipo etnográfico de patrimonio cultural de Galicia, e 16 bens arqueolóxicos catalogados sitos en concellos limítrofes con afección sobre o Concello de Lobeira.
A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais -os do Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín- e está a traballar noutros 20, entre os que se inclúe o de Lobeira. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina un orzamento de preto de 2 millóns de euros á redacción dos distintos documentos e á elaboración da cartografía que levan aparellada co obxectivo de contar cun instrumento vital para protexer e poñer en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo deses concellos de menos de 5.000 habitantes.